Decote, decotío

Quen escribe cun estilo lanzal e cheo de acertos nesa procura de mínimos que, ao cabo, vén sendo o albo ou obxectivo da súa poesía.

É que Andrés Sánchez Robayna, ese poeta canario que adoitan adscribir á poética do silencio escriba diarios “a diario”. Faino de cando en vez, fixoo ao menos entre 2001 e 2007, e esas anotacións atopan agora lugar nun sito pulquérrimo, cal esta edición do FCE. Limpa, elegante, silandeira (valla a expresión, poisque carece de fotografías), disposta a se deixar percorrer por quen ame a beleza. Que tal semella este autor en gustos, afeccións, libros, músicas, viaxes. Un home que non se deixa levar polo odio, así seu admirado Gide quen, por certo, dicía (e cita Sánchez Robyna: “o nacionalista ten un odio ancho e un amor estreito”, senón ao citar a un evidentísimo Trapiello, un home que non é “a praia”, diría un portugués, do poeta canario.

Quen escribe cun estilo lanzal e cheo de acertos nesa procura de mínimos que, ao cabo, vén sendo o albo ou obxectivo da súa poesía. Por iso semella doado, aínda que cada entrada do diario (mesmo as máis rutinarias ou domésticas, así o encontro co albanel que lle arranxa os adoquíns de diante da casa e orza a Robayna de palabras novas, teñen un senso). Por suposto que hai un despregue de nomes e obras, moitos deles e delas analisadas polo miúdo cáseque coa técnica do haiku, que nunca abruman (eis unha das grazas do autor canario) senón que enriquecen a quen vai seguindo este libro con maneiras gozosas. Porque se trata dun libro sumamente pracenteiro, escrito por quen escribe para coñecerse mellor, e de paso favorece que o lector tamén o faga.

Deixando que este realice os seus propios achádegos. Así, ao reler a Álvaro Campos da man de Sánchez Robayna penso en como Gil de Biedma bebeu neste verso: “A única conclusão é morrer”. E é que, en realidade, todos beben (bebemos) de/ con todos. Eu, nestes días estivais, de Andrés Sánchez Robayna, tan sedento de beleza que é quen de transmitirnos esa sede a quen pensamos que o poeta verdadeiro é aquel que coñece e logo sabe, quere e pode comunicar o coñecemento. Por iso tanto autor, cidade, obra, porque servidos con economía expresiva, non semellan pedantería senón eficacia. Tal vin e reseño desde a conciencia de que Andrés Sánchez Robayna, tal como se confesa, acredite pouco na crìtica que se fai no país. Xenio e figura.

Te puede interesar