RABO DE NUBE

Don da música

Vizoso, polo demais amante el mesmo de misturar poemas e prosas, vai creando unha caste de “cocktail” específico para que a poesía chegue (xa se dixo) onde non o fai a filosofía.

Tense dito que a poesía chega a ese lugar onde non o fai a filosofía. E -engado- a música chega onde non dá chegado a poesía. De maneira que estas tres disciplinas van seguíndose unhas ás outras nun percorrido vertical. E non outra cousa, a procura das alturas é o que pretenden este trío esencial (para coñecer e amar aínda máis o mundo). Enguedelladas as tres materias por momentos nun percorrido circular que lonxe de complicar as cousas fai por facilitalas. Por iso cando un poeta (que filosofa, que tenta descifrar aínda máis a brancura) resulta que é, igualmente, musicólogo un non pode senón sentirse mellor.

O que me acontece diante de Javier Vizoso, xornalista e activista/ ensaísta do territorio musical. Do que xa teño falado nestas páxinas, mais desde a perspectiva do narrador (que tamén é Vizoso). Soamente que hoxe toca miralo como poeta, só ou acompañado doutros, como Keats, Rimbaud ou e.e. cummings. ¡E Pedro Salinas! Destes catro poisque Vizoso, polo demais amante el mesmo de misturar poemas e prosas, vai creando unha caste de “cocktail” específico para que a poesía chegue (xa se dixo) onde non o fai a filosofía. Por aí os disparos deste autor complexo, que se pon conceptista moi suavemente, só para que a razón estética non asoballe.

Un concepto, así e todo, que boia ceibe, cal as follas nun río de outono. Un río alebrestado esta poética mesurada, oxímoro, pois, para quen se dosifica. E trae músicas antigas, antigas de prata vella, para alcendernos máis de saudades do perdido, á maneira dese tempo que é “distancia oscura/ (quizá vacía)/ que separa dos instantes/ de felicidad extrema”.

Lendo este poema tan breve (e tan inmenso) cal a ambición poética de Vizoso, imos entendendo xa por onde bule este. Polo deserto branco de e.e. cummings. E poisque di tanto en tan pouco decatámonos tamén de por que este poeta é tan pouco pródigo na súa escrita, mide tan a modo os pasos que (nos) dá. “El tifón en la tormenta”, duplicación, cáseque pleonasmo para que nos vaiamos entendendo mellor. Desde a filosofía á poesía, chegando á música a xeito de albo supremo e definitivo. Por iso Javier Vizoso, un poeta galego convencido do que fai. E -sobre todo- de por que o fai. Sigámolo. Sen temores nin complexos.

Te puede interesar