CON TEXTO

Festa rachada

15-the-party-review.w710.h473_result

Un filme que nos confirma que o cine británico é máis que apuntes históricos

En branco e negro (esta película, ocórreseme, non podía ser doutra maneira, dotada dun humor nada doce senón cun punto bravú que lle presta moito ao contido, Sally Potter volve con The Party ao cinema británico dos “young angry men”, aínda que no prebe deste prato contundente haxa cousas como de Monthy Python e por aí seguido.

A cousa é que un grupo de amigos vai á casa dunha recén nomeada ministra de sanidade (aínda que da oposición, o que os británicos chaman “shadow cabinet”) para festexar a esta. Por certo que ela é esa actriz ductílísima, Kristin Scott Thomas. Bon: o persoal, ímolo saber axiña, teñen os mesmos vencellos que os elementos dalgunha obra de Agatha Christie: “Dez negriños”, “A ratoeira”, “Asasinato no Orient Express”, etc.

Mais este filme non é de crimes mais de trasgresión ou desartellamento da realidade a través dun sorriso que por momentos acada o rango da gargallada. Iso si, tan chea de veneno cal o bombón que Sally Potter pon na nosa boca. Tan só no transcurso de setenta minutos, é película breve, sen dúbida, e non porque non dera para máis senón que se atén ao xusto (e necesario, que din na misa). De xeito que a parafernalia desta película, de interiores, lembra esas función de teatro últimamente filmadas por Polanski, canxa moi ben cos elementos que nela aparecen.

O executivo cocainómano, o escritor/profesor alcohólico “ma non troppo”, a parella de lesbianas (a máis nova recén fecundada “in vitro”), o curandeiro tedesco (interpretado por Bruno Ganz, o Hitler de “O afundamento”), artellan un plantel que traballa como a maquinaría dun reloxo de precisión. A lesbiana xove, por certo, Emily Mortimer, que tanto me prestara en “A libraría”.

Todo a facer unha película diferente e moi chamativa. Con remate sumamente sorpresivo, que fai que a sala enteira (chea a rebentar días atrás, cando vin The party, estoupe nun “oooooh” tan masivo como as ilustracións musicais: Purcell, John Coltrane, Carlos Paredes, etc,. dispostas por Sally Potter). Un filme, daquela, sumamente recomendable, que nos confirma que o cine británico é máis que apuntes históricos, sobre a Raíña Victoria ou Winston Churchill, este por partida dupla, por citar algunha película inglesa recente.

Te puede interesar