LA REVISTA

É festa rachada

SEGUE XOSÉ RAMÓN Pena a recompoñer a nosa historia literaria. Espléndida pois contén a Rosalía de Castro (abondaría con ela para explicarnos; ¡ai se fose nada en Amherst, Massachusetts, e ter vestido de branco perenne, cal Emily Dickinson!) pero tamén a Curros Enríquez ou a Eduardo Pondal. E a máis escritores marabillosos, antes e despois deles (Martín Codax, Fernando Esquío ou Alfonso X, apenas tres exemplos dunha antigüidade sonorísima en galego), para facer entre todos unha literatura moi potente. Esa que Xosé Ramón Pena anda a reconstruir nun traballo entre a arqueoloxía e o futurismo, poisque se trata de que a xente do tempo vindeiro saiba que fora todo aquilo. Se nese futuro hai persoal aínda para termar desta vella lingua, sen a que (obviamente) a literatura non pasaría de ser un xogo culturalista. Iso está por ver, claro, e son dos que pensan que as últimas enquisas, presimistas, non terminan de reflectir a realidade tal cal é.

Así e todo traballos rigorosos e concienzudos, como o de Pena, son os que deixan as cousas no seu sitio, axeitándolle as polainiñas a unha literatura a ton coa lingua que a fixo quen de ser. Desta volta, e como fixera no tomo primeiro, o autor betanceiro pon en remollo a Literatura Galega, agora referida ao Rexurdimento, abarcando o período que vai de 1853, publicación de A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos, todo un fito entre a intuición e a racionalidade de quen tiña nas mans dinamita, a 1916, data de fundación das Irmandades da Fala (aquelas “Hermandades del Habla” que tanto alporizaban a Julio Camba). Entremedias, e tal como dixen ao principio, Pena estuda polo miúdo a presencia e a obra dese trío marabilloso que enriquecería calquera literatura. Pola súa posición ética, pola súa inmensidade estética. Á súa beira os Camino, Añón, Lamas Carvajal, xente igualmente categórica por máis que o seu costumismo poidera por momentos derivar na anécdota. Uns e outros xorden neste ensaio de amplísimo espectro de Xosé Ramón Pena. Quen, lástima fora, sitíua todo no seu sitio, cronolóxico e histórico co rigor agardable en quen leva toda a vida a reconstruir os alicerces ou fundamentos dunha literatura que o tempo será o que decida se somo quen de merecela.

Te puede interesar