Rabo de nube

Foise Leo de Aurora

Leo-de-Aurora_result
photo_camera LR.

Montoyas y mayas en la Aurora narra o percorrido flamenco dun montolla e Maya que apañaba a guitarra como bandeira, cun disco no que o flamenco viaxa acompañado dunha percusión sonorísima e uns “jaleos” rotundos

Repaso os correos, os “mails”, de Leo de Aurora (o seu nome de guerra, de paz, máis ben, o seu era a mística, León de Jehova), vitais, xenerosos, abertos ao ceo como a súa guitarra prodixiosa, favorecida dos deuses. Leo de Aurora, trinta e seis anos tan só o día, aí atrás, en que o seu corazón deixou de bater. Batendo a súa morte en todos nós, naqueles que tivemos a sorte de coñecelo persoalmente, de escoitalo en directo.

Con aquel arrebato pausado (aquí o oxímoro ten máis poesía que nunca) co que tanguía esa guitarra flamenca, mais tamén de fusión á que era quen de arrincarlle mesmo unha “Suite do Río Miño”, que non sei se chegou gravar mais –dou testemuña-  que sabendo as miñas orixes dera en tocar na presentación dun libro de poemas meus.

Logo volvera estar comigo cando botáramos “El mundo poético de Bob Dylan”, e a súa guitarra estivera nas mans de Fermín Bouza Pena para que este potente artista galego interpretase Love Minus Zero/ No Limit. Mais o grande estaba por vir, na presentación no Archivo Histórico do libro-disco que nos permite que Leo de Aurora siga vivo aínda. Un libro que nos narra o percorrido flamenco, obrigado, dun Montoya e Maya.

Dun artista que non tiña outra opción, gozosa, senón a de apañar a guitarra, mastro afiado, como bandeira. Un disco no que o flamenco viaxa acompañado dunha percusión sonorosísima e uns “jaleos” rotundos. E é que Leo de Aurora non se limitaba ao pan xa sabido, o seu era procurar outros vieiros, axudado por unha erudición e sabedoría das que podo dar fe poisque con el souben de “palos” e “polos”.

Grande Leo de Aurora, quen se nos foi un sábado de febreiro, o deste ano máis frío que nunca, máis xélido e nevado porque a man de Leo xa non vai aloumiñar máis a súa guitarra-corazón. O de Leo de Aurora esnaquizado, feito anacos nun deses arrebatos que a vida propina cando, como en Miguel Hernández, non atende a quen debe. Quédanos, si, este libro-disco, editado con beleza.

A que prodigaba Leo de Aurora, dos Montoyas e os Mayas, tanta arte enteira no cerne do flamenco. Quen nos deixa, de momento, pode haber gravacións inéditas, ¡oxalá!, bulerías, granainas, tangos, rondeñas, mineras e –mesmo- eis a fusión, baladas e un “chill out” India. Para que non esquezamos.

Te puede interesar