LITERATURA

La guerre est finie

Unha novela, como digo, ben curiosa na que a Historia sirve como medio, non como fin.

Cando acababa a “Grande Guerre”, a do 14-18, a que prefería de entre todas as guerras, coa súa retranca habitual, Brassens, a que retratara como ninguén, abismo de crueldade que fora, Joseph Losey, en King and Country, Wilson viñera a París, xuntarse con Lloyd George e Clemenceau, (Orlando, o representante italiano, nun plano inferior), para ver cousa facían co mundo que se aveciñaba novo.

Cun Imperio, o austro-húngaro, esnaquizado, nacións novas no panorama e Alsacia e Lorena de volta á nai francesa (que deixara de selo na guerra franco-prusiana). Así as cousas París fora, aqueles días, niño de conspiradores, logreiros e negociantes (moitos españois, país neutral na contenda malia a opinión de Romanones, “Hay neutralidades que matan”, por exemplo) dispostos a tirar proveito do río revolto que era o Sena nese tempo. Por aí os disparos, por elevación, de Carlos Fortea, un home que vén da literatura xuvenil (e da traducción, de autores en alemán) e que debuta diante do público adulto, sexa isto o que fose, con esta brillante novela. De indagación, máis sen excederse, porque o crime, e aínda os crimes, que se dan neste ambiente de glamur e espións, apenas son pretexto para que Clemenceau, vítima dun atentado, George e Wilson deliberen. Ao redor deles damas e cabaleiros a xogar todos nun taboeiro disposto para as intrigas e os xogos de azar, con amores mercearios e paxionais nun mosaico nos que Fortea dispón con moita habelencia xogos e xogadores.

Unha novela, como digo, ben curiosa na que a Historia sirve como medio, non como fin. Ou sexa, que Fortea non nos abruma con datos (polo demais ben coñecidos) senón que fai que estes, dosificados con xeito, vaian puntuando un argumento sutil. Como o proceso de indagación que vai no fondo, mais non tanto como para que esta sexa unha novela “negra”. Que tampouco. Nin sequera un “thriller”. Los jugadores, en fin, é un libro para quen entenda a literatura como un xogo de intelixencias que engada a aqueles que interpretan o da vida como un camiño esixente. Así aquelas conversas parisinas a resolver o labirinto dunha das guerras máis crueis de todos os tempos, con homes morrendo como escarabullos, no Somme, para avanzar uns poucos metros.

Te puede interesar