LITERATURA

Henry James purísimo

los-papeles-de-aspern_result
photo_camera "Los papeles de Aspern", de Henry James.

Poucos narradores como Henry James que máis teñan influido na literatura de ficción que hoxe se leva.

 Por citar casos vecinos, sería difícil entender a Benet, a Pombo, a Javier Marías sen atopar neles a sombra benéfica do autor de Washington Square. E ollo que James leva un século morto, nun caso meridiano de sombra delongada, como aquela dos cipreses da primeira novela de Delibes.

Caso peculiar de escritor autocrítico, quen sempre falaba do erro que supuxera levar a segunda parte de La sombra del ciprés es alargada, a Nova York, cidade que tan só coñecía de oídas. Pois ben Henry James situou lonxe a acción de Los papeles de Aspern, que lin estes días en edición que é pura “delicatesen”, continente, contido (por suposto, non hai James malo) e traducción, de José María Valverde, aquel profesor que se autoexpulsara da universidade franquista ao ver que facían o propio con Aranguren, Tierno ou Santiago Montero Díaz. Aquel “nulla estética sine ética” aínda resoa con forza de chicotazo moral.

Como esta novela de Henry James, pura Venecia para o erudito que procura as pegadas venecianas dun poeta xa morto que fora amante da posible posuidora dun material escrito do escritor. Esta dona, xa vellísima (Aspern ben poidera ter sido Lord Byron, ou Shelley ou hai quen di que Poe, por máis que este último nunca morara na cidade dos canais), vive na compaña dunha sobriña nun “palazzo”, grande, esfarelado, onde vai parar o erudito en Aspern, pagando carísima a pousada por ver se a proximidade fai que acade o seu obxectivo. Isto ímolo deixar nas mans (nos ollos) do lector curioso, que seguirá esta novela breve con interese manifesto.

E é que Henry James, xa digo, é moito. Quen de escribir novelas de grosura considerable mais tamén “divertimentos” como este. Ollo, cunha fondura moral chamativa, E un segundo plano, o que ocupa a sobriña, todo un corazón senlleiro, decisivo. Por aí a sombra de Henry James chegando a Nabokov, outra historia –a de Lolita, por exemplo, e Humbert Humbert a casar coa nai de “Lo” para apañar o seu botín. Mais non tan lonxana da que nos conta Henry James. Los papeles de Aspern, moi recomendable todo o ano, se cadra aínda máis metidos en outono. Estación tan fermosa en Venecia.

Te puede interesar