LA REVISTA

Unha indagación

Faustino Rey Romero, poeta galego e crego orixinalísimo; progresista como semellaba ser nunca deixou de vestir sotana

Faustino Rey Romero, poeta galego e crego orixinalísimo; progresista como semellaba ser nunca deixou de vestir sotana; tiña dúas, seica, unha para saír e a outra para varrer, ou sexa para estar na casa, morreu por precipitación en Buenos Aires, onde o levara a súa boa/ mala cabeza, en 1971. Hoxe o día en que a morte do autor de Escolanía de melros segue a ser unha incógnita. ¿Crime, sucidio, accidente? A resposta, cal a resposta na canción dylaniana, lá vai no vento. Como os versos dun modernismo tardío, e aínda así (tamén por iso) de gran musicalidade deste poeta vitalista, un chisco goliardesco e un moito franciscano. (Fora novicio no Convento de Herbón, para formarse no clero regular no Seminario Maior de Ourense). E logo unha vida clerical azarosa, con reprimendas e aínda desterros (antes do exilio autoimposto que o levaría a Buenos Aire onde finaría, por seguir un poema seu, de “ángel descielado”) por parte da xerarquía oficial. 


Para o caso un bispo de Tui, Frei José López de Ortiz, quen se pasa ao futuro será, tal vez, como sancionador do crego de Isorna (Rianxo), onde nacera Don Faustino en 1921. Unha vida breve, pois, na que nos introduce X. Ricardo Losada, nun volume que se le nun ensalmo, eu lino entre Ferrol e Ourense, no Alvia que me traguía a Madrid. Lino con moito gusto, independentemente de que o propósito inicial de Losada, o saber quen ou que matara a Rey Romero, acabe nun pinchecarneiro ou reviravolta semellante ao que chantara a Don Faustino no solo arxentino. O de menos. O de máis o estudo fondísimo na vida (“evanxeo bufo”) deste crego, todo un home, que na capa do libro se mostra coroado de loureiros con Baldomero Isorna, outro craque.

Eses loureiros que a lírica galega, si pero non, despexa da testa reyromeriana. A ver se un ano destes o Día das Letras fai por arroupalo. Outros con menos mérito (e menos vida) xa o teñen acadado. 
No interín desfrutemos desta biografía, gorentosa cal o viño que Rey Romero bebera a cachón ou esas mozas que, malia as apariencias, nunca chegou catar. Amores ideais, seica, para non terminar de callar esta lenda viva. E precipitada. Ou “descielada”. Por dicilo coa propia palabra de Faustino Rey Romero. Un crego como os de antes. Pero tampouco.

Te puede interesar