con tecto

Intemporalidade

"Poemas de amor del antiguo egipto” foron extraídos de xeroglíficos do novo Imperio. Boris de Rachewiltz recopilou estos poemas e os traduxo ó italiano e, máis tarde, Ezra Pound e Noel Stock os verteron literariamente ó inglés.

Ezra Pound, poeta tan poliédrico, personalidade tan complexa (mesmo na súa adhesión ao fascismo, como voceiro de luxo, salvado da desfeita após da Guerra Mundial, e da gaiola na que apareceu fotografado, pola demencia invocada polos seus cofrades literarios) que merece todo un volume, ben voluminoso, para o seu tratamento, foi todo. Poéticamente falando, digo. E tanto foi que na compaña de Noel Stock, erudito na súa obra, a partir da versión italiana dos textos orixinais (feita polo seu xenro, Boris de Rachewiltz), puxo nas nosas mans poemas exipcios de tres mil anos de existencia (pulquérricamente traducidos ao español por José Luis Rivas).

Poemas de amor, sobre todo, nos que eu percibo as claves do que logo escribiría Salomón en “O cantar dos cantares” ou San Juan de la Cruz, no “Cántico espiritual”. Acontece que este último atopou un alibi místico no que en Salomón, e nos vellos poetas exipcios, non deixaba de ser poesía erótica.  Descripción da amada, mágoa pola súa ausencia, o terrible coitelo dos ciumes pairando por riba do amor e bótalle fío ao papaventos da desolación namorada.

Todo iso e moito máis está neste libro, tan belamente presentado como Vaso Roto adoita. Contido fermoso mais continente impecable, incluíndo as ilustracións: fotografías do antigo Exipto, o Nilo, as pirámides, os relvos con ese hieratismo tan axeitado das figuras lanzais dos exipcios.

Unha marabilla que nos fai pensar en como Ezra Pound nacera/ vivira no tempo errado. E que a súa fosa na illa-camposanto veneciana de San Michele ten moito máis que ver co azar que coa necesidade. Que Ezra Pound ben podería ficar soterrado nunha desas pirámides que pechan algúns dos grandes misterios de ser home.  Que a poesía, para selo de verdade, precisa -igualmente- dos adobios misteriosos que viaxan con ela. O meirande, se cadra, o don da intemporalidade que nos transporta, da man de Pound (tamé da de Stock e De Rachewitz) cara esas fonduras de Expito, maxistralmente interpretadas por esta modélica editorial hispano-mexicana que se chama Vaso Roto. E que nos fai chegar agasallos deste calibre. Tan merecente de ir de man en man nestes días festeiros. E sempre. Por aquilo da intemporalidade. Sen dubida.

Te puede interesar