LA REVISTA

Irreductible Scorsese

Así este “Silencio” fascinante que veño de ver, convencido da súa forza (e arrebato) mais tamén de que non é película para todos os públicos,

Poucos  directores que me chamen máis a atención que Martín Scorsese. Non xa pola ampla (e diversificada) producción da que é dono (de “Taxi driver” a “O lobo de Wall Street”, pasando por “A derradeira tentación de Cristo”, sen esquecer os documentais sobre The Band, Bob Dylan ou George Harrison) senón polo tratamento entre lírico e épico que administra aos seus pinchecarneiros, que así hei de xulgar os seus movementos de director-funámbulo. Máis esa inquedanza estética que o leva medir todos os pesos cun metrónomo (diríamos) da estética en fondos, ángulos e disposición formal das súas películas. Frechas no azul, cal Koestler pedía, comprometidas e dispostas á polémica.

Así este “Silencio” fascinante que veño de ver, convencido da súa forza (e arrebato) mais tamén de que non é película para todos os públicos, senón para aqueles dispostos a resistir (non exactamente) unha metraxe longa (case tres horas), e unha historia “relixiosa” sobre o martirio (e a apostasía de quen non quixeron chegar a tanto, ou que outros o fixeran empurrados por eles) dos xesuitas (portugueses, máis ben, pola proximidade de Macao) e campesinos niipóns mudados en cristiáns, por parte dunhas autoridades que entendían (parvos non eran, torturadores, si, ¿quen non, daquela?) que a relixión era ponta de lanza para outras maneiras invasoras; holandeses, ingleses, españois e lusos ao axexo daquelas illas, nada dispostas a se deixar domeñar. Isto é en esencia o que nos conta Scorsese en “Silencio”, filme, xa que logo, con pouca música, senón a implícita nunhas imaxes brillantes, polo enfoque, opacas, por canto entrañan.

Unha película intensa e mesta que aconsello, a quen se sinta interesado (para cinéfilos, obrigada, tamén para quen pense que as relixións teñen tantas sombras e luces como a vida mesma), que vaia vela ao cine. Poisque non é filme, entendo, para casa, con ou sen mantiña. Senón para ir aos locais “ad hoc”, que tamén son de Deus, pobriños, e se non teñen asentos cómodos de máis, mellor. Porque a Silencio compre ir, ademais de con anseios de aprender e reflexionar, ben descansados, penso. E non é que anseie asustar a ninguén. Simplemente aviso.  Mo ibo, por certo, Liam Neeson, de Padre Ferreira.

Te puede interesar