CON TEXTO

Lectura maxistral

bovary1_result

Vargas Llosa realiza unha maxistral reflexión sobre a primeira das grandes adúlteras da literatura do século XIX

Para aproveitar mellor a lectura de Madame Bovary, de Gustave Flaubert, enleado como estou nunha actividade académica, relativa ás adúlteras na novela decimonónica, batín con este libro de Mario Vargas Llosa, vivo malia os máis de corenta anos que leva xa publicado. Un opúsculo maxistral, aínda non descatalogado, que se pode mercar –ademais- nunha edición de peto, a prezo barato (non supera os dez euros). E antes de nada compre dicir que é un pracer atopar semellantes regalías, vindo dun autor dunha obra tan copiosa (e seguida por quen isto asina) como, pola mesma razón, irregular. Mais na que non teñen dúbida o ensaio sobre Cien años de soledad nin –menos áinda- este que teño diante miña. No que non falta a reflexión persoalísima sobre a primeira das grandes adúlteras do Século XIX (seguida logo por Anna Karenina, Luísa Carvalho -de O primo Basilio, de Eça de Queirós-, Ana Ozores e Effie Briest). Isto para abrir boca dun libro potentísimo (e sumamente ameno) de Vargas Llosa. Despois virá, lóxicamente, o estudo biográfico sobre aquel “home-pluma” que se chamou Gustave Flaubert, quen de rectificarse a si mesmo unha e outra vez, mais a análise literaria e humana de Emma Bovary, aquela rapaciña que viña do campo e casara cun médico mediocre, un home tan boa xente como alleo á realidade que se cociñaba ao redor del. Para rematar estudando o impacto de Madame Bovary na novela moderna (Vargas interprétea como a primeira neste apartado). Iguamente o papel de Emma como o proptotipo do antihéroe; aquí compre indicar, verbo do antiheroísmo, que se ten chamado á filla do tio Rouault como “o Quixote con saias”, e por aquí xa nos vamos entendendo. En fin, que sen Gustave Flaubert e a súa heroína, “malgre elle”, non é doado entender a Tolstoi, Eça de Queirós ou “Clarín” (Bonafoux mesmo acusara a este de plaxiario de Flaubert). Xusto porque foi o primeiro. Vargas Llosa, obviamente, non é pioneiro en estudar Madame Bovary. Mais a el debéselle un aire novo, un achegamento moi especial, tan diferente (por rigorosamente persoalísimo) que este libro segue vivo e tan imprescindible para ler (ou reler) Madame Bovary cal o propio libro de Flaubert. Máis, non, porque iso semellaría cadrar o círculo.

Te puede interesar