CON TEXTO

Lembrando a Bob Kennedy

Ángel Montero Lama, a quen prologa García Sánchez, céntrase nos derradeiros momentos da vida do político americano.

Kennedy
Kennedy
Lembrando a Bob Kennedy

Nunha edición curiosísima  (cunha maquetaxe axeitada, e unha organización moi didáctica do libro) de Editorial Planeta, que se apunta ao carro da autoedición cun selo chamado “Universo de Letras”, aparece este libro sobre Robert Kennedy, a súa vida e -nomeadamente- ao redor dos derradeiros momentos desta. Dun autor, Ángel Montero Lama, a quen prologa García Sánchez. Bob Kennedy, fiscal xeral que fora do seu irmán, JFK, igualmente asasinado, en circunstancias tamén confusas.

As de John Kennedy tanto como para que o seu asasino fose morto, á súa vez, por un gánster chamado Ruby, quen morrería en prisión. Destino, o de finar no cárcere, que é o que semella agardarlle a Sirhan Sirhan, autor da morte de quen podería ter sido candidato demócrata nas eleccións inmediatas ao fatídico 6 de xuño de 1968. Que foi o do asasinato de Bob Kennedy, lector teimoso de Albert Camus, na cociña do Hotel Ambassador, de Los Angeles. Os motivos de Sirhan Sirhan para a súa terrible falcatruada nunca se saberon. O seu avogado falou de que actuara hipnotizado pola CIA. O que semella unha parvada tan grande como certos intentos desta para dar cabo de Fidel Castro, Mais a vida, a morte, teñen un aquel de patético, de “pathos”, cando non de ridículo. O evidente é que 1968 estivo pragado de acontecementos durísimos (aínda que tamén esperanzadores). Na primeira categoría as masacres colectivas (as do Vietnam, por riba de todas, a da Praza das Tres Culturas, de México) mais tamén as mortes de Martin Luther King e Robert Kennedy. Desta ocúpase con rigor e eficacia Montero Lama. Nun libro ameno, cheo de forza e datos e moi ben contextualizado. Que demostra o bo olfato de Planeta ao editar, valla o pleonasmo, libros autoeditados. Algo semellante, “mutatis mutandis”, ao que fai Bob Dylan cos seus discos piratas. Nas míticas edicións “bootlegs”.

Neste caso a edición resulta moi ben tirada, e para quen seguimos con fervor a saga dos Kennedy (eviten a película “O escándalo Ted Kennedy”, non dá a altura) todo un achádego. Como o fora aquel político de futuro perfecto, morto a tiros por un palestino, recriado nos USA, onde apodrece nun presidio desde hai cincuenta anos, no que aquí chamamos “prisión revisable”.