Leo, ao fin

photo_camera Leonardo di Caprio

Un Leo Di Caprio, lonxe do corazón de manteiga que lle coñecíamos. Afastado das maneiras de rapaz guapeteiro que nos eran tan familiares.

Veño seguindo a carreira de Leo Di Caprio desde hai moito. Desde que o vira nunha película na que facía de Rimbaud (esquecín quen interpretaba a Paul Valéry, nin creo que me perda moito). Logo pasou polas miñas lentes de aumento unha chea de veces, de náufrago do “Titanic” a millonario excéntrico fuxido da pluma de Scott Fitzgerald ou lobo cruzado de raposo en Wall Street. Máncaballe o Oscar, e tampouco é que me estimule moito este premio se non fose porque ao acadalo deixaríamos de pensar en canto del era merecente Leo. Ora, como que (cáseque todo) chega por fin a dourada estatuiña ven de caer nas mans do protagonista de The revenant, filme que nestes eidos recibe o nome de O renacido, abondo axeitado para o que a película de González Iñarritu expresa. Non outra cousa que a volta á vida, ou mellor a permanencia nela, dun nachiño a quen un miserable, na América fondísima dos arredores de 1820, deixa que morra (tan só en apariencia, como axiña veremos) logo de ter asesinado ao fillo de aquel. Un rapaz mestizo, con nai tamén desaparecida, india de orixe, a quen albiscaremos intermitentemente.

Ben, “resucitado” Leo Di Caprio irá á procura do seu “executor”, movido por un sentimento de venganza, polo demais tan humano como o da supervivencia no ambiente hostilísimo no que se moven os trampeiros aqueles para os que Leo é explorador. Desta maneira o filme de Iñarritu é dun naturalismo atroz, tanto que o poderían asinar de man común Zola e Tarantino pasados –se cadra- por certo Salgari. Todo isto peneirado na peneira de González Iñarritu, artista seriamente comprometido, dá un peliculón, con escenas moi directas, gravadas directamente nunha paisaxe nevada “de verdade” (isto é, sen ordenadores que vallan).

Unha peli pola que Di Capri rula (e rola) coa meirande das veracidades, xa se trate de voar proxectado por unha osa, ou pernoitar dentro dun cabalo morto ao que previamente despoxara do bandullo. Un Leo Di Caprio, lonxe do corazón de manteiga que lle coñecíamos. Afastado das maneiras de rapaz guapeteiro que nos eran tan familiares. Ata que chegou Alejandro González Iñarritu e mandou parar. Con película que ten moito de “western”, de “western” de antes que se inventara o xénero, pero máis e máis

Te puede interesar