LA REVISTA

Libro de feitizos

Rosa María Alonso Ferragud vive e traballa en Vigo onde dirixe un establecemento de material esotérico chamado “Tarot”

Rosa María Alonso Ferragud vive e traballa en Vigo onde dirixe un establecemento de material esotérico chamado “Tarot”. O de menos. O de máis que Rosa María non se ocupa soamente de argallar con trebellos relacionados coa maxia (branca, xa se entende, que esta dona é meiga inofensiva), libros, beberetes, variñas, herbas, imaxes, senón que ela mesma exerce de bruxa e lecciona (e aínda alecciona) a aquelas persoas interesadas en saber que cousa é esta, polo demais tan vella o mundo, que fai que este vire e vire en viravoltas que non semellan doadas. ¡As bruxas¡ ¡As meigas! Á beira sempre do caldeiro no que remexen con culler de pau, acompañadas dun gato, coa vasoira sempre presta para chegar á lúa. Logo están os meigallos, pero iso semella palabra pexoractiva, que mellor será dicir feitizos ou, mellor, engados. O cal que diante miña teño este libro de Rosa María Alonso Ferragud, que vale como manual de instruccións para aprendices de meigas. Por un lado. 

Polo outro para que os profanos, como quen isto asina, acade uns coñecementos que lle estaban vetados, de momento, para saber quen son as deusas que compre seguir; eu gusto de Deva e de Navia. Esta última ben estudiada por Bouza-Brey, por exemplo, na súa relación coas correntes fluviais. De paso tampouco está de máis saber, cal é a nosa árbore máis favorable (a miña, a avelaira). Nin as propiedades de pedras e herbas. Nin como facer ritos e circos que nos protexan de todo o protexible. Ou sexa, que Rosa María neste compendio de sabedorías o que fai é outorgarnos un manual de instruccións que lle prestarían ao mesmo Harry Potter redivivo. Que non.

Pero Rosa María, si, e amante como é da poesía e da música orza ao lector do seu libro con moi compridos poemas que lle servirán para feitizos e rituais. De maneira que quen desexe atraer á persoa amada xa sabe de que libro botar man. Tamén de cómo espaventar a quen exercita con nós as técnicas do mal amor. De maneira que estamos diante dun libro moi útil.
Eu, de momento, ando a levar á practica algúns dos seus sabidos e sabedores consellos. Agardando pasar por Vigo ver o que me conta Rosa María Alonso Ferragud en directo. En “Tarot”, a súa tenda-escola, escola de “cultura e filosofía celtas”, por exemplo.

Te puede interesar