teatro

Lope 5 estrellas

teatro
photo_camera La Compañía Nacional de Teatro interpreta "El castigo sin venganza" de Lope de Vega.

A Compañía Nacional de Teatro Clásico pon en escea un dos mellores dramas de Lope de Vega, “El castigo sin venganza”, en versión de Álvaro Tato.  este texto desolador e maxistral, ofrece un espello tráxico da condición humana

Sempre digo que a función por antonomasia do teatro español é Luces de bohemia, do noso paisano, Valle-Inclán. Mais digo, igualmente, que a obra por excelencia é a de Lope de Vega, non ouso dicir que toda, apenas si coñezo vintecinco ou trinta das máis das trescentas conservadas, mais si que direi que nela están –como en Shakespeare, aínda máis que no de Startford, referido ao amor, “quien lo probó lo sabe”- todas as peculiaridades humanas. Amor, xa se dixo, ciumes (xa que logo), luxuria, envexa, carraxe, odio, vinganza, “pathos” e bótalle fío ao papavetos da paixón e dos desexos. Entre das mellores función de Lope está esta “El castigo sin venganza”, que veño de ver –extasiado- no Teatro de la Comedia.

Un Lope de Vega maduro que bota man dos recursos da traxedia grega para nos falar dun incesto, ben que este non se produza cunha nai senón cunha madrasta, que terá de acabar moi malamente (con castigo terrible e suíña, que non vou desvelar por aquillo dos “spoilers” que din) nun remate “in crescendo” que encantaría a Alfred Hitchcock, de ter coñecido a Lope, que vaia vostede a saber. A historia, coñecida: o Duque de Ferrara, un vello crápula, casa con muller nova, Casandra (nada que ver coa profetisa troiana), a quen trata con moito desapego (sexual, tamén). Casandra e o fillo bastardo do Duque, o Conde Federico van atraídos o un ao outro cal o río ao mar aqueles de Zorrilla (que nunca foi Lope, ¡quen lle dera!). E -consecuentemente- o castigo penderá riba deles cal ese ceo ao que o Duque de Ferrara aspira, logo da súa “redención” após de servir ao Papa de Roma.

Mais todo isto sería unha boa lectura dramática senón caese nas mans do CNTC, dirixido por Helena Pimenta. Quen, a partir da adaptación de Álvaro Tato, artellou unha montaxe sumamente plástica, dunha beleza impactante. Onde a sutileza e máis a elegancia acadan cumios na escena da declaración de amor do Conde Federico a Casandra. E aínda máis no coito que ten lugar entre a parella.

Non é doado que o teatro atrape a atención dos esprctadores nun remate tan espectacularmente ben levado como este. Alí non se movia nunha mosca. A ovación de minutos que subliñou o desenlace conforma canto veño decindo. Lope cinco estrelas. Sen dúbida ningunha.

Te puede interesar