con texto

Mestre Josep Pla

Pla y Brunet
photo_camera Pla y Brunet

Un dos mellores libros en castelán da posguerra. O narrador reivindica a viaxe como fin en sí mesmo nun traxecto moroso que, lonxe do exotismo, pretende a nudez estilística e xurde da observación en silencio desde a ventá dun autobús.

Mestre de xornalistas porque que columnista que pretenda apañar o tempo que esvara, que fuxe entre das mans como anguías, non ten bebido na fonte do autor de “La huida del tiempo” Ollo, a fuxida, que non a ferida, que iso é unha función de teatro do inmenso, e un pouco esquecido hoxe, Priestley. Ollo, tamén, que eu falo de columnistas reflexivos e altos; non dos que terman do inmediato, esquecendo que o que hoxe está nos medios mañá será pan reseso e que no hai cousa que nos canse máis aos consumidores de prensa (en papel, como nos presta aos que nacimos antes de onte) que os opinadores abutre a revoar todos riba da mesma carnaza, en fin. Mais volvendo a Pla a cousa é que sen el non se entende a González Ruano, nin ao Cela de Viaje a la Alcarria (leitor evidente do Viaje en autobús, de Pla), nin  a Umbral, e botalle fío ao papaventos dos columnistas e cronistas máis potentes. E se hai dúbidas lean ese libro tan xeitoso/ exquisito que vén de preparar a benemérita Biblioteca Castro con tres dos títulos máis importantes de Josep Pla (obra tan ampla que que a súa versión catalá abarca corenta e seis tomos; que hai Pla para moito tempo, claro).

Nesa triada, a novela La calle Estrecha, á parte, porque en puridade é máis crónica que outra cousa a partir do retábulo de personaxes e situacións a xeito de viñetas que estes plantexan, hai dous títulos marabillosos e complementarios. A crónica de viaxes xa citada, que nos conta un percorrido en secuencias, o viaxeiro sube e baixa, parando nos sitios, sempre a bordo dun bus dos anos corenta, que non é calquera cousa. E –ademais- un mangado de artigos que fixera para “Destino”, aquela modélica revista barcelonesa que comezara falanxista, o título non engana, e acabou liberal.

Ese conxunto é o que conforma “La huida del tiempo”, reflexións sobre os danos que este causa, como esa lenda nos reloxos de antano, “Todas feren, a derradeira mata”. Reflexións persoais e cheas de cultura (certa ou inventada). E niso hai moitas semellanzas entre Pla e Cunqueiro. Dous dos mestres absolutos dun tempo que lá foi. Mais os dous seguen vivos. No caso Josep Pla, este libro como proba. Álvaro Cunqueiro tamén, por certo, na Biblioteca Castro, tan modélica e exemplar. Tan exquisita.

Te puede interesar