literatura

Milagres cotiáns

sdsdsd

“Las turbas aguas del mojito”, relatos ou crónicas, mesmo, ás veces, prosas poéticas, case- da realidade, nin sequera idealizada senón como vista a través dun prismático

Non semella en absoluto novidoso que un autor bote man das súas vivencias diarias para ilustrarnos sobre as sensacións que lle son propias. Tal actitude é tan vella como o mundo. Con todo poisque, Unamuno “dixit”, falamos de nós porque somos o que temos máis a man non é raro atopar unha e outra vez autores que se autoempregan a maeira de referentes literarios.

Autoficción á parte, desde logo, que en xénero moi “á la page”, hoxe, para alporizamento de certos críticos, quen non se decatan da famosa frase de Gustave Flaubert, cando farto de quen lle preguntaran pola procedencia da súa célebre heroína sentenciara: “Madame Bovary c´est moi”, tan pancho. Ou sexa, que “nihil novum sub sole”.

A cousa é, simplemente, procurarlle as voltas á cuestión. O que fai este escritor francés, Philippe Delerm, autor dun libro, La siesta asesinada, “long-long seller”, máis dun millón de exemplares vendidos entre o seu país e outros vinte máis. Agora volve ao prelo cun libro de feitos –ou milagres-cotíans, cousas do decote, chamado Las turbas aguas del mojito, relatos ou crónicas, mesmo, ás veces, prosas poéticas, case- da realidade, nin sequera idealizada senón como vista a través dun prismático posto ao revés.

Un exemplo: o autor vai ao Olympia, escoitar a un “consagrado”, e acaba abandonando o teatro para tomar unha cervexa (o que en realidade anseia). Outro: de visita en Bruxas, apetécelle reler Bruxas a morta, de Rodenbach, libro que eu lera, por certo, segundo recomendación de Carlos Casares, só para descubrir que, en realidade, o libro de Bruxas está aínda por descubrir.

Terceiro exemplo: a sandía para Delerm é, en realidade, o mesmo que para todos nós, por máis que o neguemos, empurrados polo aspecto, vagamente matasedes do producto loado polo poeta Salvador Rueda, en memorable poema (que aquí non se deixa ver, claro). E non poño máis exemplos para non facer “spoiler” como din os cativos de hoxe, confundindo facedor con feito.

O que de ninguna maneira fai Philippe Delerm, traducido ao español, para o caso, por Mercedes Noriega Bosch. Delerm, véxase o conto que titula o libro, o que fai é mergullarse nos sabores da vida, sen pedir permisos. Un xeito ou razón perfectos “para vivir na terra”. 

Te puede interesar