ESPECTÁCULO

"Natta" montada

natta_result

Os seus protagonistas, dous músicos chocalleiros (piano e violino) que xamais rematan unha composición, polo demais interpretada “mentalmente” como terminaremos vendo.

Levo tantos anos indo ao teatro (descobrín a súa maxia vendo a Guillermo Marín, en Ferrol, en La zapatera prodigiosa) que cría estar de volta de todo. Pero non. Aínda queda algún curruncho, na memoria, no sentimento (tantas veces a mesma cousa) para a sorpresa.

Así a que experimentei onte no  Fernán Gómez (Sala Jardiel Poncela), un dos que mellor programan en Madrid, atentos ao comercial mais tamén a iso tan ambiguo que se coñece como vangarda, vendo Natta, dramaturxia e dirección de Juan Dolores Caballero, con ese par de actorazos, un auténtico “ñaque”, composto por Mané Solano e Eba Rubio. Natta, ata o 10 de xaneiro en Madrid, mais sen dúbida o interesado haberá de atopalo noutros lugares, é un espectáculo total. Que bebe do mundo do circo, mais tamén do teatro do absurdo, do da crueldade e -mesmo- do esperpento.

Os seus protagonistas, dous músicos chocalleiros (piano e violino) que xamais rematan unha composición, polo demais interpretada “mentalmente” como terminaremos vendo. Previamente o pianista terá feito de muller da limpeza co que os espectadores das primeiras filas (a miña gabardina voóu polos aires aínda que para volver ao punto de partida) haberán de andarse con ollo. Unha asistente pasou polo escenario; “corte de pelo” e rociado. Como nos vellos circos, onde os de silla de pista (para diversión das gradas) podían levar unha trompada dos elefantes.

Aquí non hai soamente pallasos (os actores, lástima fora, son desa caste), senón que estes practican tamén o ventrilocuismo, o mimo, son faquires (extraordinaria a capacidade de rixidez e estatismo de Eba Rubio), etc. Aquí hai, por riba de todo, entre vellísimos cacharros, aquela música vella do circo.

Aquela que tan ben captara Ingmar Bergmann en Noite de circo, unha das súas películas máis fermosamente dramáticas. Rin, como poucas veces, con Natta. Aínda que, iso si, con esa gargallada que pode disimular tantísimas cousas. Pero non a admiración, tampouco diante da metamorfose que muda a Eba Rubio en anana. En noiva anana que así acaba esta función. Sen perdices. Pero igual felices. Que os humanos somosvos ben rariños. Como esta obra dun grupo sevillano, Teatro del Velador, ao que penso seguir a partir de agora.

Te puede interesar