CON TEXTO

Neves de Asia

paul_result

A novela de Paul Yoon é unha historia delicadísima, pura “delicatessen”, que nos leva a Brasil desde Corea, a Corea da guerra fratricida, que acabou tallando ao país en dous, afastados estes polo mítico paralelo 38

Fermosa, moi  fermosa, esta novela, escrita por un americano, Paul Yoon (Nova York, 1980), de orixe asiática. Unha historia delicadísima, pura “delicatessen”, que nos leva a Brasil desde Corea. A Corea da guerra fratricida, que acabou tallando ao país en dous, afastados estes polo mítico Paralelo 38. O das películas, o das míticas “Hazañas Bélicas” que líamos de cativos en chistes u tebeos (o “comic”, daquela, era outra cousa). Pois ben, a Brasil (contraste entre a calor húmida e a neve que deixara nos eidos) chega Yohan a bordo dun cargueiro. E na terra nova do trinque para el haberá de ocuparse en labores profesionais, primeiro cun xastre xaponés, e sentimentais, apenas enunciadas por Paul Yoon, autor dunha impresionante forza lírica. O que non quere dicir carencia narrativa.

Ben entendido que a escrita de Yoon suxire máis que relata, evoca máis que convoca: outra maneira de novelar, pois, na liña de certos autores asiáticos, como Kawabata, por exemplo, autor daquel memorable País de neve, coincidencia no título coa novela de Paul Yoon por máis que o autor nipón afonde máis nos seus personaxes, e o americano deixa que fiquen na tona, propia ou da novela. Isto non quita que, de puro transparentes, a xente que bule no libro de Yoon, acade categoría moi por riba das anécdotas. Un xeito de narrar sumamente chamativo o empregado por Paul Yoon, quen se basea en historias bélicas apenas citadas, e datas mínimante expostas. Ou sexa, un compango cativo para un prato no que prima a forteza e conta cun prebe moi sabedor.

Pouco doado ler esta novela, traducida por Teresa Lanero, sen ficar namorado dela, iso si, cun certo tremor, o que dá a beleza sosegada da neve ao caer. Con personaxes no transfondo como o local Peixe, xardineiro da igrexa, de seu valedores dun conto, cando non dunha “nouvelle”. Ou dos cativos “homeless” chamados Santi e Bia, semiprotagonistas desta novela, non nada visgosa. Unha novela que chama a atención na paisaxe da rutina narrativa que nos arrodea (e ás veces, de puro mimética, cansa). E dicir –ao tempo- que dá xenio que haxa editoras como a madrileña Nocturna Ediciones, quen de posuir un catálogo pequeno pero fermoso e esixente (se é que isto non é, ás veces, un pleonasmo).

Te puede interesar