lo veo

Nikis Galicia-Style: Moda feita na terra

dsc_0061_result
photo_camera David Blanco.

David Blanco aproveitou toda a sabedoría popular coa que se empapou de neno na aldea para crear Nikis Galicia, unha empresa que hoxe está presente en numerosos puntos da xeografía galega con deseños que apostan por ensalzar a idiosincrasia da cultura e carácter propios

Cal​ é​ a​ ​historia​ ​de​ ​Nikis?

É a dun rapaz chamado David e, á súa vez, a típica dun galego: naceu en Alemaña e criouse na emigración. Volveu á súa terra algo novo e, como os seus pais traballaban moi duro, pasou moito tempo na aldea dos seus avós, duns 100 habitantes. Alí pasaba o tempo libre escoitando as frases e ditos locais, empapándose da sabedoría popular galega. Esas vivencias uníronse anos despois á súa profesión de serígrafo e isto, co paso do tempo e o traballo duro, converteuse no que hoxe é Nikis.

​Que​ ​filosofía​ ​segue​ a​ ​marca?

A defensa da cultura galega e do “feito en Galicia”, coa retranca e humor por bandeira, a través de ilustracións aplicadas a diferentes soportes como as camisetas. Sempre apostamos por xente de aquí, cremos fortemente no talento e industria local. Hai moitas empresas de fóra copando o mercado. Nós cremos que en Galicia hai talento, forza e iniciativa de sobra para establecer unha industria propia que poida ofrecer un produto de altísima calidade e feito na terra. Non fai falla estar en Madrid ou Barcelona para ter éxito. Nós deseñamos, creamos, producimos e distribuímos dende O Grove! Isto danos moito control sobre o proceso produtivo e permítenos conseguir a máxima calidade nos produtos. Ademais tratamos persoalmente con todos os nosos clientes e maioristas, sen intermediarios. E facémolo todo dende a nosa central na terra meca.

​Agora​ ​sodes​ ​unha​ ​empresa​ ​asentada​.​ Como​ ​foron​ os​ ​inicios​ ​como emprendedores?

Moi duros, como os de todos. A nosa andaina comezou en 1994 e non sempre foi un camiño de rosas. Pero endexamais perdemos a ilusión e a fe. Esa paixón foi a que nos levou adiante e a ir medrando pouquiño a pouquiño. Agora, tras moitos anos de esforzo e horas de traballo, temos unha posición importante no mercado. Miramos cara atrás e tentamos non esquecer todo o que nos levou ata aquí para poder seguir traballando duro. As cousas non saen da nada. Pero sen dúbida, merece a pena.

​Que​ ​perfil​ ​de cliente​ ​tedes?

Son, por riba de todo, galegos orgullosos do seu: da súa terra, dos seus avós, da súa aldea, da súa cidade, do orballo, das muiñeiras, dos rumorosos da costa verdescente, dos carballos, do mar, dos percebes, das nécoras, do licor café, das gaivotas que rouban “cruasáns”, da retranca, do bo humor... de vivir a vida como só nós sabemos. Ese é o perfil da xente nikelada: xentiña sinxela, positiva, un pouco retranqueira ás veces e con moitas ganas de pasalo ben.

​Parece​ ​que​ ​houbo​ ​un​ ​tempo​ no que esquecemos a retranca e que, dende hai uns anos, está máis presente ca nunca na cultura e o deseño. 

Estamos a vivir un rexurdimento do orgullo pola nosa identidade cultural grazas a institucións e empresas que apostan pola lingua e a cultura axudando á súa normalización, e por riba de todo, grazas á xente que saca peito e presume de terra, lingua, costumes e o bo humor que temos os galegos (e que pensamos que é a envexa de todo o mundo).

Traballades con diferentes​ ​ilustradores​ ​galegos.​ como os seleccionades?

Colaboramos con creativos, deseñadores e ilustradores. Sempre estamos abertos a novas propostas de colaboración e cremos no talento galego: se algún creativo nos fai unha proposta, estudámola concienciudamente para tentar levala adiante. Poñemos todo da nosa parte para colaborar con quen queira ilustrar a idiosincrasia galega con nós.

As vosas tendas tampouco son locais sen máis, senón que seguen a estética da marca. 

Sempre tivemos claro que unha marca non é só un logotipo e que a  súa voz debe estar reflectida tanto no empaquetado, coma nos uniformes, na música ambiental, na decoración dos locais... Tentamos ofrecer unha experiencia de compra coherente coa nosa filosofía de principio a fin. O deseño desa experiencia -en evolución constante- é froito de todos estes anos de traxectoria e a inestimable axuda dos nosos clientes, que nos ofrecen consellos e observacións para mellorar.

​Ó tratarse de deseños puramente galegos, que mercado tedes fóra de aquí?

O certo e que moito máis do que se poida pensar... e sen renunciar á lingua galega! Porque xa non é só que haxa “galegos en todas partes” e a todas esas partes chegamos cos nosos produtos en envíos internacionais. Tamén é que os nosos deseños teñen un forte puntal na ilustración, que é unha linguaxe internacional. E non é por presumir, pero o de ilustrar as camisetas non se nos da nada mal. Ou iso pensan as nosas avoas. O certo é que se a un xaponés lle gusta o deseño da camiseta, dálle o mesmo que esté no seu idioma ou noutro. O que quere é levar ese deseño tan auténtico. E que hai máis auténtico que unha camiseta con retranca galega? (Anécdota baseada en feitos reais. Palabriña.)

Te puede interesar