RABO DE NUBE

E niso falou Fidel

Cáse que por obriga (relativa así e todo, un nunca se sinte realmente obrigado facer o que lle presta, ler para o caso) tiven de entrar últimamente en libros ao redor de Cuba. Un choio ben espiñento no que se corre o perigo de saír escaldado, por aquilo da pouco doada equidistancia. E é que aquela grande ilusión do 59 (que vivín de lonxe, mais de perto, con parentes emigrados á perla do Caribe) habería mudar axiña nunha dictadura personalista, subrogada hoxe no irmán do déspota morto recentemente.

la-autobiograia-de-fidel-castro-stella-maris-683x1024_resultUn home de grande carisma e personalidade que se retrata, por man allea (a dun home, Norberto Fuentes, que formara parte do circo íntimo de Fidel, ata que deixou de facelo, camiño de Miami, de ganchete con García Márquez e William Kennedy), dun xeito sumamente suxestivo. Dunha maneira, novelizado nun tomo un ensaio en dous volumes, que ten moito de bisturí a tallar un corpo aínda vivo (á hora da escrita por Fuentes do libro). No que batemos cun Fidel que fala e fala (isto non é novidoso nun home quen de discursear sete horas), desde que nace, fillo bastardo (logo virá o matrimonio dos seus país) dun galego, de Láncara, que a Cuba fora como conscripto e alí ficara. 

Don Ángel foi un pai severo, e rigoroso na educación dos fillos (cos xesuitas), mais tivo mimado (encucuaiado, dicimos en Ferrol) a ese rapazolo que xa apuntaba maneiras de rebelde. Logo o consabido, Cuartel Moncada, Granma, Sierra Maestra, entrada en La Habana. Contado cun estilo sabedor e “crible”, un estilo cáseque tan ateigado de testostorena como aquela da que Fidel fai gala (moitas as súas historias amorosas, moitas máis que fillos, uns cantos enxendrados por Fidel Castro Ruz). Quen nos fala (ben podería facelo el directamente, mais acouga –involuntariamente- claro, o seu lombo na pluma, non tan envenenada como podería semellar, de Norberto Fuentes. Outro náufrago da Revolución, que se recrea en Escambray, Playa Girón, crise dos misís, asesinato de JFK, a través da ollada dun home que ama mais tamén, ese paso tan curto, odia. Por iso este libro é un cóctel fortísimo, moito máis que un eses “mojitos” que Hemingway, outra especialidade de Norberto Fuentes, amaba deica a hipérbole. Libro fascinante contra da indiferencia.

Te puede interesar