Non tan louca

De entrada préstame moito que Oñate Español, autora deste libro tan chamativo (procedente dunha tese doutoral sen que se lle note de máis), reivindique a denominación Juana de Castilla

A herdanza de Juana de Castilla do trono de Castela de rebote non fixo senón engadir drama a unha biografía noutras circunstancias sen dúbida menos patética.

Endereza Oñate Español os seus obxectivos (o seu doutorado é en Sicoloxía) cara á reivindicación dunha persoa posta entre dous fogos; o disparado polo seu home (o chamado “Felipe el Hermoso”, aquí ningún se libraba do alcume), dunha banda, e doutra o que ceibaba seu pai, “Fernando el Católico”.

Este último na súa condición de viuvo dunha raíña, Isabel I, pouco comprensiva cunha filla, Juana, casada moi nova e que, a maiores, tivo de sufrir as bridas dunha nai máis que dominanta. Por suposto que estas circunstancias non terminan de explicar o por que da presunta loucura dunha muller que acabaría fechada nunha gaiola aúrea (que non a zafaría de maltratos físicos e vexacións) en Tordesillas durante catro décadas. E é que Juana de Castilla morreu moi lonxeva, o que fai pensar que se optaron por ela como raíña é que corpo e mente agoiraban cousas boas. Logo o camiño tan ben encetado erraría por razóns que Oñate Español explica (ou tenta facelo) desde esa óptica de sicoloxía clínica que tanto lle presta. E que adobia cuns coñecemento históricos do meirande interese para facer ver que as razón de estado (perversas) actuaron por riba dos presuntos ciumes da mítica “Locura de amor”. E é que o romanticismo, entre o dramaturgo Tamayo y Baus e o pintor Francisco Pradilla deseñarían unha imaxe de Juana de Castilla distorsianada, desenfocando aínda máis unha mente, no mellor dos casos, confusa.

Así e todo Oñate Español estuda, igualmente, as consanguinidades rexias como factores desas taras (mentais e físicas) que adoitan reiterarse nas monarquías hereditarias (outras non hai, que saibamos). Este libro semella unha boa entrada, rigorosa e amena, no mundo, pequeno mundo, en Tordesillas, dunha muller que foi parar no pozo da historia, cáseque baixo do péndulo de Poe. Unha historia de medo, tamén.

Te puede interesar