RABO DE NUBE

Os novos esmorgantes

Eu xa vira una película sobre A esmorga, esa novela tan gloriosa da que teño dito (en Ourense, hai ben de anos, ao sol dun congreso adicado a Eduardo Blanco Amor) que se desaparecera toda a narrativa galega con que ficara este libro estábamos salvados. Pois ben, aquel filme, La parranda, chamábase, non tiña moita salvación, por máis que o trío de esmorgante estivese formado por José Luis Gómez, José Sacristán e Antonio Ferrándiz. Mellor, moita mellor saída, ten a película que veño de ver en Ferrol, moita xente na sala, de Ignacio Vilar, chamada -xustamente-  A esmorga. Xustamente, digo, no senso de precisamente, mais tamén no de implicar xustiza, porque a película de Vilar non desmerece a novela. E iso malia que o realismo de Blanco Amor aquí deveña naturalismo cunhas cantas escenas escatolóxicas que nin engaden nin deixan de engadir á trama: é o que é centrada en tres nachiños, Milhomes, Bocas e Cibrán e que non dá parado nun percorrido obrigadamente circular. Neste caso o trío “da bencina” (que dicíamos en tempos) está composto por tres actores radicais: Miguel de Lira, Antonio Durán “Morris” e Karra Elejalde. Broslando papeis que son cal periñas en doce, nun principio, mais que poden levar do súblime ao ridículo en cuestión de segundos. Non é o caso, os tres voan alto, moi alto, sobranceando entre os secundarios a dona que lle fai un “cubano” aos sabañóns de Cibrán. Un matiz felliniano, inevitable a lembranza da estanqueira de Amarcord, nunha película que bebe de moitas fontes, tamén do expresionismo nun marco de alcoois (por poner una gralla o tránsito da bebedeira á –certa- serenidade dos actuantes ás veces renxe un pouco) e puteríos. E no centro, como ten de ser, Ourense. Cidade ben literaria (no caso Blanco Amor centro tamén desa inmensa novela ourensá que se chama La catedral y el niño) e, ás probas debo remitirme, cinematográfica. Porque, falamos de cine, claro, a ollada nidia de Ignacio Vilar capta con xeito, e dureza, os claroescuros da cidade natal de Blanco Amor, hoxe, tal como Dublín co Joyce do Ulysses, recriadora da meirande aventura da narrativa galega. A destes tres esmorgantes a gañar batallas despois de mortos. Milhomes e Bocas, os primeiros, lástima fora.

Te puede interesar