O fútbol como desgraza

20171005175622044_result
photo_camera 20171005175622044_result

Laurent Mauvigner relata con mestría técnica a traxedia do estadio de Heysel de 1986 que provocara 39 mortos

Estiven en Bruxelas, alá por 1994, nunha viaxe por Bélxica, país pequeno (un chisquiño máis que Galicia) é, xa que logo, sumamente manexable. E en Bruxelas, claro, subín ao Atomium, aquel abraio da nosa nenez, por riba do estadio Heysel,  no que o Madrid, dos “ye-yes”, gañara a Copa de Europa do 66, onde en 1986 houbera unha desas desfeitas futboleiras, na previa ao Liverpool-Juventus, que fan enroibar e cáseque dimitir da condición humana.

“Sucede que me canso de ser hombre”, con Neruda. Aqueles feitos arrepiantes, unha chea de xente nova morta, centra esta novela de Laurent Mauvignier. Un asunto urbano –poñamos- que arranca cun núcleo familiar a se desprazar desde Liverpool, para ver o “match”, e uns mozos que, xa en Bruxelas, asisten tamén ao partido, ben que estes torcendo pola Juventus, quer pola orixe italiana dun deles, quer porque na Juventus xogan Platini (a quen se define como un Deus; anterior lóxicamente ás súas pouco divinas falcatruadas a bordo da UEFA) ou Boniek.

Todo para a pequena historia do fútbol. En cambio, para a das desgrazas ficou esta monumental desfeita con trinta e nove seareiros (case todos italianos) mortos e a vergoña dun partido que acabara disputándose, con vitoria da Juventus (e gol, xustamente, de Platini). O choio vén contado con grande mestría por Mauvignier (francés, de Tours, do 67) quen fai do seu asunto un compendio de reviravoltas e “flash-backs”, apuntando desde un futuro (imperfecto), tres anos despois. Para que os sobevivintes fagan reconto do que fora aquilo, os cadáveres amoreados nun espazo á beira do estadio mentres que o balón corría. Para que non houbese altercados, dixeron. Outra desgraza máis, neste caso ética, que engadir ao horror. Tan ben descrito, en linguaxe elíptica, por este novelista de fuste, traducido –para o caso- por Juana Salabert, outra que sabe moi ben de que vai unha novela, como nos demostrara en Velódromo de invierno.

A mestría técnica de Laurent Mauvignier, en fin, ten moito que ver co seu manexo dos elementos que pola novela flúen, misturándose nun carrusel que non termina nunca de virar, con eficacia e economía expresiva extremas. O fútbol, fenómeno de masas, tráxico asasino moitas veces delas.

Te puede interesar