CON TEXTO

Os fillos, os pais

Marcos_giralt_(4859785218)_result

"Mudar de piel” son contos que falan de cativos e adolescentes, e pais e nais, e tíos lampantíns, vencellados todos por esa perplexidade dorida que se chama vivir. Literatura realista, xa que logo, máis tinguida por esa cor nebulosa que o caracteriza

Reclámome adicto da literatura de Marcos Giralt Torrente, madrileño mais galego, ao menos “in pectore”, como ben se deduce de quen ten dito que sen Ferrol sería pouco doado entender o que escribe. Isto dito por un neto de Torrente Ballester e sobriño de Torrente Malvido, ambos ferroláns, ten a súa lóxica. Así e todo á literatura de Marcos Giralt máncalle patria poisque a súa temática é moi universal. Érao nese libro definitivo, sobre as relacións paterno-filiais que se chama “Tiempo de vida” e que trata dao trato que co pai, finado, mantivera o autor.

Trátase dun libro nin nada choromiqueiro nin escrito a base de mudar a pluma en faca. Non. É un choio ben diferente, a metade de camiño entre a lírica e a épica, no que Giralt Torrente se ispe dicíndonos que non fai falla ser Kafka para mostrar o camiño que leva ás orixes. E pois son adicto de Marcos Giralt leo con unción o seu último libro. Relatos de novo. De novo contos –nove- que nos falan de cativos e adolescentes, e pais e nais, e tíos lampantíns, vencellados todos por esa perplexidade dorida que se chama vivir. Literatura realista, xa que logo, mais tinguida por esa cor nebulosa que caracteriza o estilo, tamén o concepto, giraltianos. Onde nada é o que semella e todo pode acadar xeitos de espello trucado. Porque, eis un favor grande que Giralt Torrente nos fai, este realismo non é dos que deixan todo ben atado, como se o autor dispuxera os seus recursos diante nosa triturados, ou ao xeito de papas para quen teñan mala dentamia lectora. Non, o que fai este autor (nado en Madrid, en 1968) é abrir os remates das súas historias, deixando que o seu lector sexa quen tire conclusións propias.

Boa idea en tempos nos que o panorama cultural adoita tratar aos que o frecuentan cal se fosen badulaques, carentes de criterio. Desta maneira o último libro de Giral Torrente é acougo contra do trebón, contra das desaparicións paternas, contra dos noivos maternos, efemeridades que rebotan contra das paredes sentimentais. Rapazolos nos que ecoa Henry James, traicións cun aquel chejoviano, contos con música de Chet Baker, implícita e explicita.  E  -sobre todo- moita forza, moito músculo nunha narrativa levíá por posmoderna. Realismo sutil. Outra historia.

Te puede interesar