RABO DE NUBE

Outra volta de tornelo

Alcendedor de textos, iluminador de palabras iso é Antonio Seijas, un artista que está petando nas portas do ceo.

Neste ano cervantino (se digo que para mín todos os son non estou caendo en hipérboles nin mitificacións) van aparecendo algunhas publicacións de interese.
Non tantas, desde logo, como as que se deixeran ver ao redor de 1905, terceiro centenario de El Quijote. Certo, tamén, que aquí non hai ningún Azorín, Unamuno, Ortega (igual, si, pero eu non os vexo, senón un Trapiello ou un Pérez Reverte, dispostos a lle correxir ou enmendar o escrito a Don Miguel).

En fin, que non, que non son así as couas (non deberan). Por iso acollo con entusiasmo o libro, cun aquel de cómic e outro aquel de libro de estampas, que asinan Antonio Seijas e Ramón Loureiro.
Poño por diante ao dono das ilustracións por ser, para o caso, o dono do secreto (de cómo ilustrar desde o misterio feito fermosura e –tamén- realidade virtual). En segundo lugar, claro que se lembramos o encontro do Quixote co fillo poeta do “Caballero del Verde Gabán”, os segundos terían de ser os primeiros, etc. O cal que en El Quijote está todo. No libro que teño diante miña, o que coasinan Seijas e Loureiro, cáseque todo, e olla que é un volumen nada voluminoso mais cheo de palabras que elevan e de ilustracións que conmoven, a partir duns clarosescuros que, paradoxalmente, alcenden ou iluminan.

Alcendedor de textos, iluminador de palabras iso é Antonio Seijas, un artista que está petando nas portas do ceo, como naquela canción do vello Bob “Esponxa” Dylan. De Ramón Loureiro, engadir ao dito abondo de veces, que colle un tema, o que sexa, e é quen de lústralo e abrillántalo, dándolle aquela outra volta de tornelo que pedía en narración maxistral o mestre Henry James. Aquí a cousa ten que ver con Mondoñedo e aquel lustroso e ilustrado bispo Guevara. O demais, á conta de Cervantes, o meirande escritor que viron os séculos. Como a batalla aquela que a deixara mancado. Un libro que engade moito á figura de Cervantes.Quixote (non fago senón misturalos e confundilos), ambos a remendar unhas medias de seus esnaquizadas. Para arranxalas estes dous artistas, da pluma, Ramón Loureiro, do pincel, Antonio Seijas. Vivos os dous, tan fresquiños ambos, da Terra de Escandoi. Ese milagre veciño do mar e da montaña.

Te puede interesar