CON TEXTO

De parvos e parvísimos

20170103204224271_result

Jordi Casanovas é o autor dunha función chamada Idiota que veño de ver no Pavón Kamikaze

Jordi Casanovas é o autor dunha función chamada Idiota que veño de ver no Pavón Kamikaze. Nome do trinque para o vello Pavón, tan “castizo” que está no corazón do Rastro de Madrid, a un pasiño de Cascorro. O Pavón, que fora teatro de canción española (nos tempos do seu fundador, Arturo Pavón) para ser nos últimos anos unha das sedes do Centro Dramático Nacional.

Agora vén de ser “tomado” por unha compañía de xente nova, dos que chamamos emerxentes, dispostos a chantar bandeira insurxente, novidosa (nun teatro, o español, no que á penas hai estreas de autores nativos), aberta ao público famento de comprobar se o teatro é xénero aínda vivo ou peza de museu. O cal que Idiota, función dun autor para mín descoñecido mais ao que pensó seguir a partir de agora, tendo un aquel de futurista leva como rustrido, e prebe, aquelas cousas do teatro do absurdo pero tamén da anguria existencial que fervía no teatro dos cincuenta-sesenta, cando o persoal acreditaba no teatro como expresión artística de moito ringorrango.

Por iso, tamén pola aposta que implica, e a tensión dramática nela seguín con moito interese esta función protagonizada polo moi proteínico e dúctil Gonzalo de Castro, ben coñecido por certas series televisivas, e Elisabet Gelabert, impecable no seu papel cáseque de estricta gobernanta, non das que aplican masaxe inglés mais pouco lonxanas deste. Ambos os dous nun duelo interpretativo no que a atmósfera kafkinana (e claustrofóbica, xa que logo) vai apoderándose do escenario e, tamén, dos espectadores.

Algúns, de cando en vez, a rir, con ese riso nervoso que delata desasosego. Eis, xa se sabe, un dos cometidos da arte, criar inquedabza entre os que seguen a función. Lembremos a función, no Castelo de Elsinor, dos cómicos ambulantes, que permitirá a Hamlet saber que súa nai e seu tío son cómplices na morte violenta do pai. Por iso, tamén por iso, a grandeza do teatro. Revivido ou revisitado por esta compañía de actores arriscados (encabezados por Israel Elejalde) que optaron por poñerse á fronte desta iniciativa chea de esplendor (no asfalto) que se chama Pavón Kamikaze, alí onde o Paseo de Embajadores transita polo Rastro, onde se venden tantos soños. Teatrais así mesmo.

Te puede interesar