RABO DE NUBE

Pianísimo

quinito_mourelle_result

O cedé está asinado por Quinito Mourelle, Roberto Somoza, a Orquesta de Cámara Galega e Rogelio Groba, toda unha ligazon de elementos positivos para facer un dos discos coas mellores vibracións nestes eidos

Hai en Coruña un pianista brillante, que ademais de tocar o piano en clave “jazz”, entendendo como “jazz” unha leira ben aberta que permite moitas interpretacións, no senso lato da palabra. Ese pianista, chámase Quinito Mourelle, e ademais de facer música escribe como os anxos, se cadra alto de máis para o que aquí se adoita, en xeral vóos rasos. Mais hoxe non vin falar do Mourelle, cousa que  xa teño feito, senón do músico. Do que vén de publicar un cedé moi bo, fermoso xa desde a capa, habitación decadente dunha casa que ameaza desfeita, coa natureza invasiva querendo entrar polas fiestras. Un cedé que se chama Suite de las ocho, asinado por Quinito Mourelle, Roberto Somoza, Orquestra de Cámara Galega e Rogelio Groba. Como se pode compobar toda unha ligazón de elementos positivos para facer un dos discos coas mellores vibracións que teñan saído nestes eidos.

Unha cousa é nidia: o declive da producción –e consecuente venta- discográfica, o que fai que os músicos deban basear as súas posibilidades de difusión, tamén  económicas, nos concertos. E o que pode saír de Suite de las ocho presenta moitas dificultades, por razón obias. Por iso eu aconsello aos melómanos que boten a man ao peto, na procura desta pequena xoia, cunha vela posta a Gershwin e outra –poñamos- a Thelonius Monk, non sei se me explico. Quero dicir que a partir dunha sinxeleza expresiva (a cortesía do filósofo da que nos falaba Ortega), neste cedé imos atopar moitas voltas, desde o vals ata as maneiras ceibes de certas improvisacións. “That´s jazz”, lástima fora.

E agora compre dicir que os arranxos de Roberto Somoza, un clásico xa nas gravacións de Quinito Mourelle, fan moito por aportar un sabor cosmopolita a un disco como este, feito para todas as estacións. E que eu veño escoitando desde a súa aparición, previa ao Nadal, esnaquizador, por definición, da boa música Nos medios cotiáns, quero dicir, e aquí inclúo tendas e demais establecementos comderciais que nos matan, e nada suavemente, Roberta Flack, miñaxoia, cos seus desacordes. Acordes os que saen do piano brillantísimo, volvo dicilo, de Quinito Mourelle. Desde “Freiburg” a “Zimt”, alfa e omegas dun cedé impecable que forma xa parte da miña illa dos tesouros.

Te puede interesar