CON TEXTO

Rabo de Nube: unha vez ao ano

CAFELEEEE
photo_camera CAFELEEEE

Malo o ano en que non vexamos unha película nova de Woody Allen (si, xa sei que a Woody, como aos Irmáns Marx, como a Almodóvar, por citar a alguén máis próximo), querelos ou ódialo.

Malo o ano en que non vexamos unha película nova de Woody Allen (si, xa sei que a Woody, como aos Irmáns Marx, como a Almodóvar, por citar a alguén máis próximo), querelos ou ódialo. Eu pertenzo á primeira categoría, á dos que aman a Woody por sobre todo, e mesmo son quen de aprezar falcatruadas como Vicky, Cristina, Barcelona (de cando ao neoiorquino lle dera por facer películas ilustradas con cromos ou postais).

E por iso vou cada ano ao cinema ver o último “Woody”, seguro de que nalgures da película saltará a lebre (se é que esta non salta en toda, cal acontecera en Match Point). E é que Woody Allen, octoxenario xa, é moito. Tanto como para remexer sensibilidades nesa “melting pot” do sentimento común. Porque haberá que ser moi fachendosos para non comungar con ese individuo, fráxil, miñaxoia, “alter ego” de Allen, por outra banda, que protagoniza a última arroutada de Woody Allen, Café Society. Un invento ou enguedello que comeza en Hollywood e acaba en Nova York, Anos corenta e unha sociedade xudea como aquela que, en puridade, fundara o cine, ese elemento do que se nutre Woody Allen neste filme que ben poderíamos chamar metapelícula. Pero que, lástima fora, é moito máis. Porque detrás dese trío involuntario que conforman tío (productor), sobriño (aspirante ao que sexa) e rapariga (ambiciosa mais, no fondo, tan romántica de inseguridades como a vida mesma) subxaz un retrato literario de sete estalos.

Presidido, desde logo, por esa capacidade woodyalleniana para o autorretrato e –igualmente- para que a etnia xudea da que procede o autor de Manhattan (se cadra, son xa tantas, a mellor película do noso heroe) resulte pintada con cores tan sutís como irónicos. Eis o Woody Allen que nos segue a convocar cada ano, tamén con “gags” estratoféricos, así os do parente “gangster” do protagonista. Un nachiño, este, no que poderíamos recoñecernos todos. O cinema, xa que logo, á maneira dese espello. Dese gran espello posto á beira do camiño, como en Stendhal, ou nas salas de proxeccións, anualmente concorridas porque Woody Allen segue viviño e coleando, “alive and kicking”, cal esas historias tan máxicas, e máis que anacrónicas, ucrónicas, que nos segue a contar, contándonos a nós ao tempo.

Te puede interesar