LA REVISTA

Rafael Chirbes, postúmamente

Un autor que hai tempo ultrapasara a sutil barreira que separa o selo de “culto” a o dunha –certa- popularidade

Rafael Chirbes , un autor que hai tempo ultrapasara a sutil barreira que separa o selo de “culto” a o dunha –certa- popularidade, morreu este ano pasado deixando no baúl unha “nouvelle”, transitada polo narrador levantino durante case vinte anos, sen decidirse a rematala. E é que hai cousas que non terminan de callar, se cadra pola súa (aparente) sinxeleza. Que non é o caso. Porque hai moito choio nesta historia dos amores entre un pintor madrileño afincado en París (nunha estadía ventureira) e un operario francés. A música da novela de Chirbes (belixerante como súa, mais tocada desta volta por un halo sentimental, máis que nunca, digamos) é de Brassens, pero tamén de Grace Jones, e as referencias idiomáticas galas que salfiren a historia, e o percorrido parisino (o título non engana) polo que rulan os amantes falan da opción chirbesiana por un lugar ben coñecido por el.

O que non impide que se trate dun asunto tan universal, o amor contrariado, os ciumes que revoan ao redor del, cal a doenza que o imposibilita. A sida, desde logo, aínda que xamais se lle cite aquí polo nome, senón polo de “la plaga”. E tan dramática doenza marcará os cabos, os extremos desta vela, que vai ardendo estimulada pola prosa delicada de Rafael Chirbes. Sutil sen concesións, xa se entende, por parte de quen estando fóra dese mundiño literario que soa e zoa (e atroa) non deixou de ir recabando lectores para a súa causa. A de expresar unha escrita comprometida, reconstruíndo na súa novelística esta España en permanente desfeita, trabada pola corrupción e a borbolla inmobiliaria, tal como a vemos na última novela do autor, En la orilla (Premio Nacional de Literatura e da Crítica). Última novela publicada en vida de Rafael Chirbes.

Faltaba aínda esta “nouvelle”, maxistral e delongadamente broslada, con arte de narrador de fondo, que isto era Chirbes, agora si derradeira, dun escritor morto a unha idade da que aínda compría agardar moito. Por máis que Chirbes teña deixado media dúcia de novelas esenciais, para entendernos (e querernos) un pouco máis. Entre outras La larga marcha, unha das miñas favoritas. Aínda que París-Austerlitz, forma e concepto, quede agora tamén entre as miñas opcións.

Te puede interesar