Ribeira Sacra

Un home ilustrado como demostra este libro de mil coñecementos, arquitectónicos, paisaxísticos, artísticos e bótalle fío ao papaventos de amor a unha terra.

Está moi de moda a Ribeira Sacra, os viños, os paseos en catamarán, os socalcos, a paisaxe co seu aquel de dramatismo. Tan “á la page”, que proliferan tamén os libros que falan de lugar tan descoñecido (hai uns anos) como visitado agora. De entre canto levo lido sobre o choio direi que poucos libros como este para instruir (e deleitar, como no vello adaxio ilustrado). Un volume que ten algúns anos (publicouse hai cinco), mais que ten o don da intemporalidade, ou así o vexo eu, desde a perspectiva que me outorga o pracer que sinto diante del, léendoo, petiscando nel, á procura de datos ou, mesmo, deténdome nas ilustracións e plantas de edificios do seu autor, o mariño ferrolán Francisco Ruiz de Aldereguía.

Un home ilustrado como demostra este libro de mil coñecementos, arquitectónicos, paisaxísticos, artísticos e bótalle fío ao papaventos de amor a unha terra. Esta que arrodea e centra o Rovoira Sacrata (o bosque sagrado) en canto da Riboira Sacrata (ribeira sacra). De semellante malentendido vén o nome con que hoxe coñecemos lugar tan mítico que Ruiz de Aldereguía vai percorrendo nunha análise polo miúdo, que terá de axudar sobremaneira a quen desexe explorar “in situ”, o que foron (e seguen a ser en moitos casos), igrexas, ermidas, cenobios, creando un lugar espléndido para a elevación, ascética e mística. Que logo da Ribeira Sacra, tal como a coñecemos hoxe, foran xordindo outras circunstancias (e atractivos) non estrañará a quen viaxe polas rutas propostas por este autor.

Que veu da beiramar vivir nuns eidos marabillosos, cheos de arte e paisaxe, onde a propia paisaxe como no eslogan aquel é arte, e a arte muda en paisaxe radical. Este volume, xa o meu “vademécum” para non me perder entre tanto abraio, para que as árbores non me agachen a fraga, é dunha feitura impecable. E con el La Rectoral anda xa a subliñar un marco de referencia. Porque xa será pouco doado saber cousa é esta Rovoira /Riboira sen a sabedoría que desprega  Ruiz de Aldereguía, este mariño quen nunca perdeu a graza do mar mais gañou a dos ríos. E quen desexe saber máis bote máis deste volumen fermoso como un solpor en San Estevo de Ribas de Sil. Non terá perda. O libro incorpora mapas  de Javier Vivirido. Öptimos igualmente.

Te puede interesar