CON TEXTO

Sabina outra vez

Con voz menos ferruxenta que no disco anterior, coa mesma melancolía de baladista que ás veces disfrazase de rapeiro ou de rumbeiro Joaquín Sabina volveu gravar. Tirando da chistera un coello cáseque do trinque por máis que a temática sabiniana teña un aquel de “déjà vu”, un moito do consabido. Quero dicir para quen exerza o mester de vivir: todos, xa que logo, e por iso -se cadra- o cantautor de Úbeda teña un público tan amplo. Un público que ás veces deba xustificarse para explicar o por que da súa preferencia. Así un xeneral importantísimo que o outro día en Radio Nacional preguntado polo seu músico favorito dixo: “Se van a sorprender, pero…” E foi e dixo Sabina. O cal que Lo niego todo conta, ademais de con Sabina, cun poeta tan chamativo como Benjamín Prado, á hora das letras, e cun músico tan competente como Leiva, á hora -lástima fora- das músicas.

Ademais de con Pablo Milanés nesa canción marabillosa que se chama Canción de primavera. Neste momento, a cinco días de me facer co disco, a miña favorita. Nun par de semanas, se cadra, optarei por Lo niego todo, esa fermosa antideclaración de principios onde Sabina di todo o que non é, nin sequera –nunha lección de humildade- “el Dylan español”. O que dito por quen escribira Princesa á sombra de Like  a Rolling Stone ten moito de afouteza, mais que de caralavada, o que Sabina non é. Senón un pofesional categórico, quen de artellar discos como estes, roldando xa a setentena, cando –lonxe de ser o “trovador cascado” co que autoironiza- compón (con Leiva, neste caso) virgalladas como Delicadeza, outro día, noutro momento, a miña canción favorita dun cedé que non deixo de poñer feliz de que nesta altura da película, con outros cantautores veteranos fóra de xogo por razón de saude/ idade ou ben nun estado de infumabilidade perenne sexa glorioso atopar xente como Sabina cheos de frescura.

E, a maiores, cunha voz se non recuperada cunha condición audible aceptable. Por iso eu que son dos que aínda merco cedés din por bos os quince euros que investín nesta última fazaña sabiniansa. Investín, e digo ben, porque sigo a poñelo e poñelo sen “queimalo”. Nin “queimarme” a min tampouco. Poisque Sabina representa un mundo, o meu, que non quere dar liscado.

Te puede interesar