LITERATURA

Sempre o río Kwai

Unha novela que lembra a adolescencia. Que che evade a un tempo más novo. Esa novela é "El camino estrecho al norte profundo".

Na miña lembranza de cinéfilo estará sempre a película de David Lean El puente sobre el río Kwai, e na de cativo no Ferrol dos primeiros sesenta a chegada do Circo Americano de Feijoo e Castilla, cun numeriño no que un comboio diminuto, cargado de ananiños, estouraba riba dunhas lonas ao ritmo da marcha militar aquela do filme de Lean: “Elo, silbando voy, voy, voy, mis penas olvidar…” (algo así).

Pensaba en todo isto ao ler este novelón, novela-río cal o Kuwai, do tasmano Richard Flanagan, quen con ela acadou o Man Booker Prize, galardón supremo da narrativa en lingua inglesa. A novela en cuestión ten que ver coa presencia australiana na II Guerra Mundial, cunha chea de “aussies” prisioneiros dos xaponeses. Quen os tiñan como escravos, prácticamente, a construir unha estrada entre das capitais de Birmania e Tailandia, a través da xungla, lástima fora.

Un deles, o logo prestixioso cirurxán, Dorrigo Evans, a través do que iremos vendo o proceso aquel, en axeitados “flashbacks”. Contrapartida del o teimoso nipón, Nakamura, para quen a construcción da estrada é choio decisivo, quen se mantén (espiritualmente) de “haikus” (impecablemente traucidos, cinco-sete-cinco sílabas pola meritoria traductora, non é un libro doado, Rita da Costa). Nakamura, derrotado, non perde a compostura, de quen se sinte vencedor (moral) malia todo. No medio, unha historia de amor, e arrepentimentos; a vivida por Dorrigo Evans entre el e a esposa do seu tío, un adulterio semiincestuoso, coa súa tara moralista nun ambiente puritano.

Con semellantes vimbios Richard Flanagan artella un queipo do máis competente, que han disfrutar os amantes das novelas-río con ambientación histórica. Ilustrándonos, para o caso, coa presencia de Australia na II Guerra Mundial. Tamén con esa teima nipona, traballadora ata a loucura e esforzada, no nome do Emperador, mais confiando tamén no seu papel histórico de liberadora de Asia fronte das potencias coloniais. Que así, e non doutra maneira, é como se vai argumentando a Historia. Notorio, tal cal víramos na Alemaña nazi, como os anseios estéticos (así os de Nakamura, poeta el mesmo, e amante do gran lírico xaponés, Basho) agachan carencias éticas absolutas.

Te puede interesar