LITERALMENTE

Stefan Zweig de volta

Nos primeiros sesenta, cando a miña xeración (os que líamos, non moitos, pero líamos todo) pasaba da literatura infantil-xuvenil a outra caste de choios (nin mellores nin peores, outros) había unha colección chamads “Clásicos del Siglo XX”.

Había unha colección chamada “Clásicos del Siglo XX”. Aí entraba unha estraña mistura, na que ían na mesma chalana Pesarl S. Buck e Lajos Zilahy, Frank Yerby e Somerset Maugham, Maxence Van der Meersch e ¡William Faulkner! Con efecto nesa colección, ou noutra semellante, lin o meu primeiro Faulkner, The hamlet (traducido ao español como “El villorrio”).  Moitos daqueles autores pasaron ao inferno do esquezo.

Outros, previo paso polo purgatorio, asi Maugham, conservan un aquel. Faulkner, en fin, xa é un clásico, con camiño, xa para sempre, de ida. Hainos de ida e volta, cal o xudeu vienés, suicida no Brasil ao que chegara liscando da queima nazi, Stefan Zweig. Lido e relido nos anos dos que falo, rexeitado despois, e recuperado agora sobre todo a raíz da publicación das súas memorias, El mundo de ayer, un libro que provocou un revóo no mundo intelectual, consciente de que Zweig tiña pouco que ver con aqueles colegas (Perl S. Buck, por exemplo) afogados na usura do tempo. As memorias de Zweig provocaron que Acantilado dera en publicar (en republicar) a obra enteira do suicida de Petrópolis (en 1942, nacera en 1881).

En semellante fervenza sobrancea “Momentos estelares de la humanidad”, con tanto impacto entre nós que eu manexo a decimonvena reimpresión (da edición de 2002, traducida por Berta Vilas Mahou). Un libro prodixioso á hora de manexar catorce “miniaturas”, baseadas noutros tantos momentos nos que os humanos (gloriosos ou menos) tiveron de afrontar situacións límite, colectivas ou íntimas. Momentos dispares que van desde a morte violenta, nada allea á ética que presifira a sú vida, de Ciceron ata o tren selado que leva a Lenin de Zurich á Rusia revolucionaria e revolucionada, pasando polo capítulo da caída de Bizancio, da derrota de Napoleón en Waterloo ou o calvario sufrido por Dostoievski diante dun fusilamento que non chegou ser. Á parte a peciña teatral que dialoga a agonía de Lev Tolstoi nunha pequena estación rusa, agonía telegrafada ao mundo enteiro. Un libro estelar.

Te puede interesar