LIBROS

Tal como éramos

o libro de carmen martín gaite está carregado de documentación, maís ser que se note en exceso, de pura levidade como a autora de “entre visillos” é quen de transmitir.

O amor tampouco mudado tanto como se pensa. A combinación, mental ou física, de dous (ou máis, depende) corpos, foi e será sempre o mesmo mentres que o mundo siga a virar. Logo tanto dará, claro. Así e todo hai momentos na historia certamente chamativos, e aínda espectaculares. Así o século XVIII, cando Franza mandaba nas modas e nos costumes, tamén nos estrictamente amorosos. Daquela, coa chegada a España da impronta borbónica, os tempos deron en mudar, producindose un mimetismo cos hábitos franceses, ao menos nas clases nobres. Que serían as que dictasen as novas actitudes. Tan ben estudadas por Carmen Martín Gaite neste libro, reeditado con rigor e beleza formal (capa dura e demais) por Siruela. Un libro carregado de documentación, mais sen que se note en exceso, de pura levidade como a autora de “Entre visillos” é quen de transmitir. Martín Gaite, recompiladora de cancións galegas para Amancio Prada, das que escoitara de nena en San Lorenzo de Piñor (Barbadás), onde a familia conservaba unha finca.

Martín Gaite, novelista, traductora, ensaísta, quen neste libro enfía o seu bisturí nun momento fascinante, que comeza coa chegada dun Felipe V, que obriga ao asasino da súa esposa (por ciumes) a deixar o mosteiro onde procurara encobo e entregarse á xustiza. Por suposto que o divorcio aínda tardaría un par de séculos en vir, así e todo xa se deixan ver actitudes novas, como a dos nobres que asinan documentos privados explicando o seu desexo de levar vidas separadas.

En fin, que neste libro aprendemos como había “madamas” con amigos á marxe do matrimonio. Con amigos chamados “chichisbeos”, “cortejos” ou “estrechos”, a ton cos “petimetres”, “currutacos” ou “pirracas”. Estes últimos un pouco os “pijos” de hoxe. Coa cousa de que estes, os que o fan, aprenden inglés e os outros apontaban ao francés, a lingua franca (nunca mellor dito) en hábitos e costumes. Amorosos, por suposto. E é que detrás de todo o que nos conta Carmen Martín Gaite, con graza e ilustración, estaba Franza. Naturalmente. A literatura (os Cadalso, Moratin, Jovellanos, Iriarte, Samaniego) xorden aquí e acolá. Lástima que os nosos ilustrados, Padre Sarmiento, Padre Feijóo, andivesen a tratar outras materias.