LITERATURA

Terrible repetición

Coido que La casa de Bernarda Alba é, xunto a Luces de Bohemia, a obra de teatro máis importante do teatro español desde aquelas xoias barrocas (escolla cadaquén o Lope ou o Calderón que máis lle pete para completar a lista) que seguen a nos abraiar. Bernarda Alba, en fin, non deixa de estar nos escenarios ano tras ano, tamén nos escolares, ben que aquí o ser obra soamente con mulleres facilita a opción (a miña experiencia como profe de teatro dime que a esta actividade acoden sobre todo rapazas).

E por certo que hai anos eu vira a Ismael Merlo facendo de Bernarda (tamén a Blanca Portillo interpretando o Segismundo calderoniano o quen sen dúbida é outro cantar), como vin a Berta Riaza, voz gravísima, case como de home interpretando tamén á terrible Bernarda Alba, metáfora ou paradigma desa certa España, negra, vengativa, hipócrita, bravú. Aquela España que habería levar a Lorca a Viznar, un mes despois da lectura desta obra, que Federico nunca vería representada (con efecto a súa estrea tería lugar, en Arxentina, durante a nosa guerra).

Ademais dos citados vin tamén facendo de Bernarda a María Jesús Valdés, volta ao teatro logo da morte do seu marido, Vicente Gil, médico de Franco e presidente da Federación de Boxeo (outro cantar, tamén).O cal que veño de ver de novo La casa de Bernarda Alba. Neste caso no Fernán Gómez, de Madrid, baixo da dirección de Santiago Meléndez. Con María José Moreno facendo de Bernarda. E unha moi boa Rosa Lasierra no papel de Poncia. (Nunca esquecerei a María Galiana, interpretando, doutra volta á confidente de Bernarda).

Unha montaxe, en fin, correctísima. Cun respecto absoluto ao texto lorquiano, dito “ad pedem litterae”, cousa moi de agracedecer nestes tempos nos que os lampantíns esnaquizan os orixinais. “Y veo que todo esto es una terrible repetición”, dise nun momento da función. Oxalá que nunca xamais volva a España, ela tamén terrible, que aquí se nos pinta. Aquí pintada na muller que pecha a súa casa, coas fillas dentro, cando morre o seu home. Do resto hase encargar a figura invisible de Pepe el Romano. Invisible pero tan presente como a negra sombra de Rosalía. Outra que bebeu tamén das mesmas augas do mesmo río acedo de Federico García Lorca.

Te puede interesar