Toca seguir rindo

Jardiel Poncela e Miguel Mihura (Muñoz Seca, tamén, o único que quitando La venganza de Mendo, o resto queda un pouco reseso de máis, ideolóxicamente lastrado) son xa os clásicos da comedia española do Século XX

Jardiel Poncela e Miguel Mihura (Muñoz Seca, tamén, o único que quitando La venganza de Mendo, o resto queda un pouco reseso de máis, ideolóxicamente lastrado) son xa os clásicos da comedia española do Século XX. E nesa condición as súas obras seguen a representarse con público anovado, que sorri ou ri abertamente con funcións lonxanas no contexto e pretexto, pero non no texto, xustamente porque son clásicas. E mira por onde, en días nos que repasaba a boa biografía de Julián Moreiro, Mihura. Humor y melancolía chega ás miñas mans a última de Jardiel Poncela (unas cantas xa nas bibilotecas) do veterano xornalista Víctor Olmos. Este libro ten a cousa de que trata ao autor de Eloísa está debajo de un almendro desde a óptica biográfica mais tamén meramente literaria, abordando a obra de J.P. na súa totalidade, desde os seus comezos con Serafín Adamé ata o fracaso das súas función derradeiras. Estas xa cando o desenlace vital, polo demais tan madrugador, o dramaturgo (e novelista e poeta) tiña tan só cincuenta e un anos, do “home que matou a Jardiel Poncela”, el mesmo, segundo o seu discípulo e tamén biógrafo Miguel Martín, estaba a chegar. Mais antes a vida de Jardiel, un subversivo de dereitas (como Fernández Flórez), de vida “inmoral” para a época, nunca chegou casar, e tivo fillas (Evangelina e Mariluz) de diferentes parellas, autor de novelas tan heteredoxas como La tournée de Dios, foi do máis fructífera e, tamén, chea dun certo glamur. Así a súa estadía en Hollywood, onde chegara coa aparición do sonoro, á procura do seu admiradísimo Charles Chaplin, na compaña  de López Rubio, Edgar Neville ou “Tono”, eses que alguén chamou “a outra Xeración do 27”. E tamén os éxitos das estreas teatrais tan resonantes do home que escribía nos cafés e ía enchendo as cuartelas segundo avanzaban os ensaios. Á parte, desde logo, a vida sentimental, tan opípara, por ela pasaron mulleres a moreas, das que Jardiel ía tomando nota polo miúdo, deste madrileño pequeño pero matón. Como o Pancho López do “corrido” aquel. Un libro este que se le con pracer. E que,entendo, non soamente interesará aos “fans” de Jardiel, así o meu caso, senón a todos os que desexen revisitar un tempo, un país e un grandísimo autor.

Te puede interesar