RABO DE NUBE

Para todas as estacións

Un libro importante para documentarnos sobre quen é ou foi Albino Mallo

Un xornalista como Albino Mallo, todo na profesión, reporteiro de a pé, entrevistador, redactor, redactor-xefe, director de xornais, delegado e enviado especial da  Axencia EFE, viaxeiro por cada curruncho ou recuncho do mundo, non debera afastarse nunca do mundanal ruido, diso que se chama coloquialmente a “pomada”.

Albino vive agora en Oleiros (Coruña), adicado entre outros mesteres a recompilar as súas memorias das que xa temos visto mostras en libros diversos, entre outros Algo máis que un café, o Derby de Vigo, palco de honor para ollar a paisanaxe pictórica, escultórica, escritora, que frecuentara o mítico café vigués, propiedade do pai de Albino.

Con quen teño trato cotián a través do microcosmos chamado “facebook”, e que ben manexado (as redes poden  acougar  rufiáns e covardes) pode dar moi bo proveito. Cal o que vén a min da man de Albino, quen nos vai dando testemuñas gráficas (e literarias) dos persoeiros que foron pasando pola súa vida de xornalista de batalla, de home de acción, como aqueles que tando admiraba Don Pío Baroja, baixo da súa pucha, ao abeiro da mesa-braseiro. Pero esas personaxes, moitas delas, xa están no libro La aventura de un periodista, que vou percorrendo desde hai tempo, forriche, avarento, a poucos, con medo a rematar libro tan amenísimo como ilustrativo.

Léndoo un pensa quen demos non chegou tratar este trasno de Albino Mallo, A quen vemos fotografiado (e non nun “selfie” dos que tanto se levan hoxe, senón en instantáneas de verdade, artísticas xa que logo) xunto a Sophia Loren, Cary Grant, Salvador Dalí, Woody Allen, “Cantinflas”, Félix Rguez. De la Fuente, etc. E é que abonda con citar un nome no “facebook”, escribir a necrolóxica dun persoeiro, para que o gran Albino Mallo dispare por elevación e, de súpeto, nun “flash”, nun golpe de lóstrego, xa estea no seu “hall of fame”  Albino co glosado.

Por suposto que o libro do que son tan parcial non soamente propón fotografías senón tamén textos alusivos ao como, cando e onde. Un libro importante para documentarnos sobre quen é ou foi quen nun tempo que tivera de observador de primeira categoría a un vigués (de 1929). Un home para todas as estacións, hoxe ubicado (que non varado) en Oleiros.

Te puede interesar