RABO DE NUBE

Un camiño posible

anne_carsons
photo_camera Na viaxe en soidade é onde Carson pon en marcha toda esa parafernalia pirotécnica da que dispón a sua linguaxe

A poeta canadense Anne Carson percorreu o Camiño a Compostela e o froito desa peregrinaxe é un libro cheo de categorías e minimalismos

A canadense, Anne Carson,  posible Premio Nobel (cando as augas deste, tamén abaneadas por un escándalo sexual, volvan ao rego) é unha persoa de pouca bografía. Ao menos a que ela deixa ver ou traslocer nas redes. Abonde con saber que é moi alta poeta, e grande coñecedora/ espalladora de Safo. Anne Carson andivo por Galicia, tan en silencio como percorre a vida esta poeta -xustamente- do silencio enérxico, valla o oxímoro, e belísimo. Anne Carson veu a Galicia, a Santiago (non se animou, seica, a seguir camiñando:  tomou un auto derradeiro a Fisterra) desde St. Jean Pied de Port, a pé. Ben que dormindo en hostais. E pregúntase Carson se é máis canónico facer o Camiño en auto e dormir en terra. Pregunta prosaica nun libro cheo de categorías, xa desde o propio título. Cheo –tamén- de minimalismos, a propia esencia do volume (un “vademécum”, que faría ben o romeiro en levar na mochila), moitas veces no remate dos capítulos. Así este: “¿En que imita un peregrino a un epigrama? Preguntádemo mañá.” Ou este outro: “Os peregrinos eran persoas a quen lles acontecen cousas que soamente ocorren unha vez.” Traduzo, claro, da versión española, boa, de Sara Cantú Pérez de Salazar, mentres agardo unha galega, urxente. No interín sigo esta para mergullarme no espírito do Camiño a través de Anne Carson, quen apañou os hábitos do camiñante, na compaña dun ser incógnito –habitacións separadas- a quen chama “Mi Cid”.

Quen sexa a compaña, o de menos, ao cabo a peregrinación perfecta é aquela que se fai en soidade (e agora falo pola miña propia experiencia). E desde esa soidade “en compaña” é onde Carson pon en marcha toda a súa luminotecnia, toda esa parafernalia pirotécnica da que dispón na súa linguaxe comprimida. Que xa en Galicia turra dela por O Cebreiro, Samos, Palas e –desde logo- Compostela. Fisterra –o remate- resulta tan neboento e, por fin, branco como será, talvez sexa, a morte. Un deserto branco. Non sei. Non se sabe. O de Santiago é un Camiño de Perfección. Para quen lea este libro, espléndido, de Anne Carson, de perfección lectora. Tan importante cal o de Canetti sobre Marrakech, imprescindible para o viaxeiro a esta cidade. No interín, e volvendo ao Camiño: ¡E ultreja e sus eja Deus adiuva nos!

Te puede interesar