RABO DE NUBE

Un saxo brilla

maxresdefault_result

Roberto Somoza é un músico bregado na loita en orquestras de baile que presenta "Saxophone Clarinet Jazz Solo" e que leva unha capa en branco en negro. Unha capa “comme il fault”, como debe ser cando se trata dunha música para ser tocada nun lugar

Resulta que en Galicia temos un grande do saxo e máis do clarinete, que se chama Roberto Somoza. Un músico bregado na loita en orquestras de baile, como son “Los Satelites”, de cando estas orquestras, conxuntos ou combos aínda non fora ultrapasados polas atraccións charramangueiras con  escenografías sicodélicas señoritas danzantes e vocalistas que se remudan. Somoza vén, xa se dixo, doutra órbita, que non soamente non rexeita os conservatoros senón que deles igualmente procede. Primeiro como alumno, logo como ensinante. El non será cousa de poñer aquí o currículum, deste saxo (de todas as maneiras da saxofonía) e clarinetista, co que me ando a deleitar na súa penúltima entrega (hai outra que sairá aquí noutro momento, aproveitando que “La Revista” é interdisciplinar, e moi ben feito).

Un cedé que se chama “Sahophone Clarinet Jazz Solo”, e que leva unha capa en branco e negro. Unha capa “comme il faut”, como debe ser cando se trata dunha música para ser tocada nun lugar “ad hoc”, cheo de fume (de tabaco e de paixons), cando fóra chove e entra un home con sombreiro de abas anchas e gabardina pingando, como fuxido dunha novela de Simenon (ou de Chandler, Hammet, Thompson ou Himes). E traspasada esa capa entramos na casa do jazz. Versión Roberto Somoza. Para escoitarlle unha homenaxe moi sentida a toda unha chea de melodías que foron (e son) nese mundo tan libérrimo que se chama jazz. E que, para o caso, vai de “My Secret Love Affair” a “Blueberry Hill”, pasando por ese clásico, maravilloso como tal, que se chama “Blue Moon”.

No medio e no remate pezas do propio Somoza, como ese “For Bechet”, que vén pechar o cedé, e que nos mostran ademais dun óptimo (e pintureiro) intérprete un compositoe e estado de graza. Quen na contracapa, tamén e branco e negro, arrodease dos diferentes instrumentos, isto –xa se dixo- é toda unha saxofonía, que lle serviron para artellar disco tan memorable. Cheo de sons e contrasóns purísimos. E agora disimulen, que me afasto un pouquiño do ordenador para escoitar cos ollos pechados “Smile” (Chaplin-Turner-Parsons) na versión tan aseada e asisada de Roberto Somoza, autor e intérprete, el mesmo, de “Le Grand Chaplin”. Adxectivo que non podo senón corroborar.

Te puede interesar