CON TEXTO

Un tema do noso tempo

violencia-de-genero_1_0_result

Lundy Bancroft reflexiona sobre a violencia de xénero

Mais un tema non nada novo. Leva aí, enquistado no tempo, diante dun silencio estrondoso. Falo –fálase- da violencia de xénero, por máis que esta non se limite a homes contra mulleres, senón que se espalla (e o libro que teño diante non omite a exercida en parellas lesbianas ou gais). Existe, lástima fóra, outra caste de violencia, a que certas donas dirixen contra dos seus “partenaires” heterosexuais. Mais pois que esta nunca atinxe, senón con rarísimas excepcións, cuestións físicas e si mentais non ocupa lugar no libro de Lundy Bancroft. Prestixiosa especialista non soamente no tema que nos ocupa, en abstracto, mais igualmente na recuperación de abusadores. De feito este libro subtitúlase, na súa versión española, “Comprender la mente del hombre controlador y agresivo”. Ou sexa, con exemplos prácticos (e ao paso direi que o manual me foi recomendado por unha sicóloga penitenciaria afeita a tratar con delincuentes desta categoría), o que pretende Lundy Bancroft é que nos adentremos no espírito de quen así se comporta, e cales son as súas razóns e o seu xeito de actuar.

Do mesmo xeito Lundy Bancroft (ben traducida, para o caso, por Remedios Diéguez Diéguez) dá consellos para as mulleres que se vexan, ou poidan verse, en semellante trance; que lugares evitar, que cousas levar enriba (axendas con teléfonos de urxencia, etc.). Doutra banda aponta Bancroft á relación entre maltratos co alcohol ou substancias semellantes, tamén ao comportamento sexual e afectivo dos suxeitos en cuestión coas súas parellas. Conformando o conxunto un “corpus” moi recomendable, con medio millón de exemplares vendidos xa en todo o mundo. E é que esta maneira, tan terrible, de actuar está presente en todos os países, ás veces nos máis insospeitados. Algúns, mesmo, onde a prohibición de bebidas alcohólicas e drogas é non soamente vixente mais o uso delas castigada con penas durísimas; de castigos físicos en adiante.

Resulta tamén chamativo o tratamento que dá Lundy Bancroft aos aspectos afectivos no referido á relación do maltratador cos seus fillos; choio este que pode conducir a engano. Así e todo sostén a autora que nunca a chegada de cativos solventará o problema. De ningunha maneira.

Te puede interesar