literatura

Valle-Inclán enteiro

Valle Inclán
photo_camera Ramón María del Valle-Inclán.

Biblioteca Castro completa a fazaña de editar, en edición rigorosa, chea de fermosura, por dentro e por fóra, a obra completa de don Ramón María del Valle-Inclán

Co tomo quinto (teatro e poesía) a Biblioteca Castro completa a fazaña de editar, en edición rigorosa, chea de fermosura, por dentro (lóxico, tratándose dun dos autores meirandes de toda a historia da literatura española) e por fóra (os libros da “Castro”, ademais de maquetaxe e calidade de follas, non levan máis textos alleos aos autores que as introduccións), a obra completa de Don Ramón del Valle-Inclán. Que Valle fose galego non fai máis que confirmar que aquí non andamos con brincadeiras, sexa cal fose a lingua escollida.

Para o caso o tomo (baixo da coordinación, como toda a empresa, de Margarita Santos Zas, á fronte do “Equipo de investigación Valle-Inclán/ USC”) insire parte da obra teatral de Valle. Se no anterior estaban as “Comedias bárbaras” neste aparecen, entre outras xoias (unha delas, “Divinas palabras”), os esperpentos. Os agrupados en “Martes de carnaval”, desde logo, máis -sobre todo, e cáseque por riba de todo o teatro español de todos os tempos- “Luces de bohemia”. Ese “best-seller”, ademais, porque sendo como fora lectura obrigada no COU de antano, superara o millón de exemplares vendidos. Hoxe segue a ser función recorrente nos escenarios españois.

O que me leva a pensar na necesidade de que o noso dramaturgo máis importante teña un teatro no que se representen decote as súas obras, como fan en Stratford-on-Avon con Shakespeare. Mais a cousa non queda aí, neste volume quinto, que tamén está a poesía de Valle-Inclá. Non como este a deixara fixada en “Claves liricas” (1930), senón a partir das primeiras edicións dos tres libros que compoñen a parte esencial desta.

Criterio se cadra discutible (o propio Valle eliminara, por exemplo, en “Claves líricas” a glorificación do infame Mateo Morral, que estaba na saída primeira de “El pasajero”). Mais estas “Obras completas”, entre outras cousas positivas, o que fan é ir sempre ás fontes. O que lles dá un valor engadido. Non se trata, lástima fora, de descubrir agora a Valle-Inclán. Máis que reeditado agora que os seus dereitos, logo dos oitenta anos da súa morte -como no caso Lorca ou Unamuno- ficaron de propiedade pública. Si de loar a seriedade (ética, estética) de edicións tan exemplares como esta. 

Te puede interesar