CON TEXTO

Vargas Llosa e os Sete Magníficos

800p1b_result

Esnaquiza os fundamentos comunistas, fala da perigosa deriva das democracias e propina labazadas nos nacionalismos

Raro o libro de Don Mario que non teña lido. Novelas, relatos, ensaios teñen pasado pola miña ollada con admiración e pracer diante de moitos deles, e certa decepción con outros. Los cuadernos de Don Rigoberto ou Travesuras de la niña mala, entre os que menos me gorentaron. Ora, o autor de La ciudad y los perros, Conversación en La Catedral, La Fiesta del Chivo ou -metidos xa no terreo do ensaio- La orgía perpetua é merecente da meirande atención lectora. Por iso botei man da última entrega de Vargas Llosa coa seguridade de que, ideoloxías á parte, ía bater cun ensaio cando menos brillante e, dalgunha maneira, ilustrador.

Consta este volume de sete achegamentos a sete intelectuais que xogaron papel decisivo na incorporación dun vello estudante comunista, sartriano, polo demais, ao mundo liberal. No senso político do termo, que á maneira cervantina liberal vale para xeneroso. Son eses “sete magníficos”: Adam Smith, Ortega y Gasset, Von Hayek, Popper, Aron,  Berlin e  Revel. Isto é: economistas, filósofos, politílogos (nalgún caso multiplicados noutras facetas). Desde logo non todos teñen a mesma categoría mais ningún deles é anecdótico. Aínda que Vargas salpemente o seu relatorio con sabedoras anécdotas de varios deles. Porque estamos diante, non se esqueza, dun libro (ou manual) de divulgación. O que xustificaría o por que desta terceira edición, rapidísima, dun volume destas características.

No que Vargas distingue moi ben entre conservadores e liberais, esnaquiza os fundamentos comunistas, fala da perigosa deriva das democracias, propina sonoras labazadas nos nacionalismos (“A chamada da tribo”, en fin), e loa figuras tan controvertidas como a de Margaret Thatcher (“A Dama de Ferro”, aquela protectora de Pinochet nunha estadía londinense amargada polo xuiz Baltasar Garzón). Dou estes datos para que ninguén se engane. Da mesma maneira que sosteño que Vargas Llosa ten a afouteza precisa coa que mostrar os seus principios e admiracións sen complexo ningún. E o talento literario para facer revivir a Adam Smith, Ortega, Popper ou Berlin, tan divinos, tan humanos, tan rigorosamente humanos como no libro aquel de poemas do noso Álvarez Torneiro.

Libro:  La llamada de la tribu 

Editorial: Alfaguara

Precio: 17,95 euros

Te puede interesar