RABO DE NUBE

¡Viva o imposible!

10_Soviet_Invasion_of_Czechoslovakia_-_Flickr_-_The_Central_Intelligence_Agency_result

Antonio Elorza presenta "Utopías del 68”, un tratado que no se cingue só ao 68 máis tamén aos seus arredores ou secuelas, de xeito que o que comeza en París vai logo a Praga e ao México, da matanza de Tatelolco a China de Mao

Tantos anos despois, medio século, o 68 segue a ser un punto de chegada moi pouco doado. Cuba vén de retirar a palabra comunismo da súa constitución, o Che Guevara (coa súa morte, outubro do 67, encetara o curso aquel) é cada vez máis discutido, e os lideres de Maio do 68 ou xa morreron ou foron mudando de criterio ou aburguesándose (como na canción de Jacques Brel, “Les bourgeois”, que tanto nos prestaba daquela).

E falo en plural porque eu veño daquela fogueira, non sei de vaidades, acaso tamén, mais na que arderon tantas quimeras ou utopías. Das que dá comprida relación Antonio Elorza, nun dos libros claves  convocados pola efemérede. Un tratado que non se cingue tan só ao 68 mais tamén aos seus arredores ou secuelas. De maneira que o que comeza en Paris e vai logo a Praga e ao México, da matanza de Tlatelolco, cía á China de Mao (de quen Elorza fai un retrato inmisericorde) cun chanzo inmediato á Camboia, surrealista se non fose tan terrible o de Pol Pot, para acabar en Chiapas. Ou sexa, un percorrido por un mundo convulso, cal fora todo o século pasado, o das guerras máis carnívoras da historia da humanidade, mais tamén o das utopías máis rotundas (superiores con moito a aquelas abrillantadas no XIX polos románticos), analizado con rigor por Antonio Elorza. Un home que vindo, como vén, dunha esquerda aplicada na loita contra do franquismo, sabe moito do que se gobernaba nos ámbitos dogmáticos daquela revolta, contra dos que emprega o criterio científico do historiador que traballa a pé de obra.

Un libro moi chamativo. Xunto cos de Albiac e Badenes Salazar, do mellor que leva producido a efemérede (desde o noso ámbito, xa se entende). Que hai máis, moito máis. En literatura, música (canción de autor, básicamente) e cine. O graduado, de Mike Wood, se cadra a mellor representación (con Dustin Hoffman facendo de Benjamin Braddock) do antiheroe. E aquela revolución, a do Maio do 68, na súa versión parisina, a máis xenuina, tivera moito de antiheróica. E ollo a un dos seus lemas claves: “Sexamos realistas, pidamos o imposible”. Todo un posicionamento. Como o de Dubcek, quen acabaría, logo da invasión soviética, de axente forestal, ben que reivindicado, e con el a utopía, coa caída do muro. 

Te puede interesar