Volve Suso de Toro

suso-toro_result
photo_camera Suso de Toro

"Humildar” é o novo libro de Suso de Toro, un deses autores que crían adicción. e ven sendo a confesión dun fillo do século XX, ateu, xa que logo, ou afeito a vivir sen a presencia de Deus

Suso de Toro, no seu momento, deixara de escribir –ou, cando menos, de publicar- para centrarse no mundo do ensino, do que procedía. ¿Por qué un autor que vendía moi ben, en galego, e tiña un público fiel, de autor de culto, traducido ao castelán tomara esa decisión? Non o sei. Si que sei que o sentín porque De Toro é un deses autores que crían adicción, na que eu caera logo de ler aquel inicial (e iniciático) “Caixón dexastre”, non digamos xa o marabilloso “Tic-Tac”.

En fin, que Suso de Toro deixara de publicar e –de paso- a un público orfo da súa escrita, aberta, categórica, radical, ben pensada e exposta a través dunha linguaxe nidia. Por iso é noticia boa, para os susotorianos, que apareza un libro por el asinado. Aínda que teña un tamaño cativo. Tanto como para lévalo, a xeito de “vademécum”, no peto da americana, no do pantalón, non, por non derrámalo. E ten que ver este libro, en puridade un manualiño, co verbo humildar, eis o titulo, verbo que en galego e portugués sirve para facer humilde persoa ou cousa. E vén sendo a confesión dun, poñamos, “Fillo do Siglo XX”, ateu, xa que logo, ou afeito –en todo caso- a vivir sen a presencia de Deus.

Ese ser ou Ser, depende de quen o escriba, a quen nos encomendamos cando nos despedimos. (Por certo, ao dicir ¡oxalá! facemos o propio, por máis que neste caso sexa Alá o obxecto da nosa súplica). O cal que no seu breviario Suso de Toro segue, paso a paso, o camiño relixioso que nos acompaña na nosa vida de xudeu-cristiáns, de nacemento en moitísimos casos, e –consecuentemente- de moral “ad hoc”. Deste xeito o autor santiagués fai por desenguedellar ritos e sinais que fan máis leviá a chegada a este mundo e a partida del, no medio estratexias para non ficar senlleiros cal o matrimonio é. E outros avatares dos que dá conta Suso de Toro, cunha estilográfica que fora do seu amigo Eduardo. Avatares moito máis doados coa axuda, implícita ou explícita dese ritual do que dá conta Suso de Toro. Orixinal, inesperado: isto último, sobre todo, cando xa non o esperábamos. Ora, de Suso de Toro, quen entrara con tanta forza na nosa literatura, ao tempo que Manuel Rivas (outro que tal baila), non caería agardar outra cousa. Orixinalidade e brillo para axudar a vivir. A humildarnos.

Te puede interesar