MONTERREI

Aurora López: “A mitra admite todo tipo de pintura sempre que non ofenda a ninguén"

Aurora López
photo_camera A artista de Albarellos, Aurora López Pérez.

Chega o tempo de Entroido e os Peliqueiros e Cigarróns preparan as súas mellores galas e esta artista plástica é a artifice do colorido do Entroido verinense

Aurora López é unha das artífices do colorido das máscaras coas que se encherán as rúas ao longo das vindeiras semanas e, ademais, esta artista plástica de Albarellos abrirá unha mostra o día 15 de febreiro baixo o nome "Entroido é todo" na sala de exposicións de Verín. Tamén foi a encargada de elaborar a imaxe do Festival Internacional de Curtas de Verín. 

Que nos poderemos atopar na mostra que abrirá a semana que vén en Verín?

O que ides a atopar é a miña visión sobre o Entroido que eu vivín dende sempre: as festividades de Verín, Castro, Albarellos e Laza, principalmente, e o de agora, mais moderno, cunha visión máis actual e con traxes máis elaborados. A figura principal será, como non, o cigarrón, do que dou unha visión moi ampla. 

Que tipo de técnicas empleou nesta mostra?

Empreguei distintos soportes e técnicas, por exemplo, hai varias ilustracións feitas en papel e moitas dixitais. Para retratar o Entroido máis enxebre e antigo, utilicei os dedos, quería conseguir algo máis tosco. Na mostra tamén haberá unha parte do traballo que eu fago directamente para o ciclo de Verín, dende caretas ata pañuelos pintados a man ou camisetas. Neste senso, a mostra será un pouco "móbil" porque algunhas cousas estarán expostas, pero sairán a rúa durante o Entroido.

Como foi este ano?, tivo máis ou menos encargos que o ano pasado?

Máis ou menos igual, non variou moito. Ao longo do ano fun traballando, e agora quedaranme catro ou así.

Canto adoita tardar en pintar unha máscara?

Intento darlle un toque un pouco persoal: fago primeiro un traballo de boceto e ensínollo á persoa, que adoita ter moi claro que animal quere. Podo tardar, aproximadamente, unha semana. 

Cal é a clave para diferenciar un Cigarrón dun Peliqueiro? Porque ambos adoitan ter animais salvaxes ou flores. 

E que non hai moita diferencia, polo menos, no que é o traxe en si mesmo. De feito, quen ensinou a moita xente a facelos foi o sastre de Castro de Laza, que faleceu non hai moito, e que fixo traxes que se visten en Verín, e que estou segura que en máis sitios. Penso que quizáis a diferencia está na actitude e no tipo de Entroido e na maneira de correlo. 

É importante acudir a xente especializada para facer unha máscara tradicional.

Eu creo que na mitra -parte superior da máscara- admite todo tipo de pintura sempre que non ofendas a ninguén, e dicir, que non poñas nada grotesco ou soez ou que non teña que ver co Entroido. Podes levar un sol, astros, plantas ou animais. O que sí hai que coidar é a cara, a cara é como é. Tamén hai que ir vestido adecuadamente, a tradición hai que preservala. 

Fixo todos os traballos para esta mostra que inaugurará o día 15, canto tempo empregou?  

Fixen todo para a mostra, menos as máscaras. Empreguei medio ano, mais ou menos. Quizá inclúa unha parte dos traballos feitos noutras ocasións, por exemplo, algún deseño específico ou carteis da década dos anos 90. 

Qué é o que destacaría do seu traballo?  

A cor, son láminas moi vivas.

Te puede interesar