ENTREVISTA

“O Camiño de Santiago, como a vida mesma, tamén ten sexualidade"

DSDF

Diego Lourenzo, o alcalde en funcións do Concello de Verín, presentou a pasada semana un moi particular ciclo de conferencias que terá ao Camiño de Santiago como principal protagonista

Diego Lourenzo, o alcalde en funcións do Concello de Verín, presentou a pasada semana un moi particular ciclo de conferencias que terá ao Camiño de Santiago como principal protagonista. Entre elas, destaca por enriba de todas, polo seu título, a do escritor e xornalista nado en Ponte Barxas aínda que cunha notable ligazón ca vila de Verín, Paco López Barxas. Falará o venres, ás 20,00 horas, do erotismo no Camiño de Santiago, unha ponencia que xa presentou con motivo da celebración do ano santo de 1993, dentro dos cursos de verán da Universidade Complutente de Madrid, celebrados no Escorial.  

Tenme que perdoar pero de sempre entendín á vía xacobea como unha oportunidade para conectar co interior dun mesmo e ca espiritualidade. Sexo tamén no camiño?

O Camiño de Santiago é outro camiño máis, é como o camiño da vida. Neste tránsito vital hai de todo, hai intelectualidade, hai espiritualidade, hai sexualidade e, porén, o de Santiago non ía ser menos. Cando falei por primeira vez das miñas investigacións, nos cursos do Escorial de verán da Complutense, alí estaba Rouco Varela falando da espiritualidade; ou o tamén ourensán por aquel entón máximo responsable da axencia EFE, Alfonso Palomares, falando da comunicación no Camiño, e eu, tentando sobrepórme á cara de Rouco Varela, disertei sobre outra parte dese tránsito que está nos códices, mesmo na propia obra arquitectónica eclesiástica da época, e que non se pode agochar. 

Semella que a Igrexa da Idade Media era máis permisiva nestas cuestións do que podería ser agora.

Pois non che podería dicir que non. É evidente a presencia do erotismo nas máximas representacións escultóricas ou pictóricas que se poden atopar vencelladas á igrexa. Nos capiteis ou "canecillos" de diferentes templos, como pode ser o de San Pedro de Cervatos, en Cantabria, pódense atopar motivos, sen dúbida algunha, pornográficos. Se se esculpiron é porque alguén así o permitiu. Na cidade leonesa de Sahagún, no convento de San Facundo, e así está rexistrado, como parada e fonda dos peregrinos, consumíase uns 150 litros diarios de viño na época. Ninguén dubida que o sexo, incluso arestora, vai moitas veces unido ao consumo de alcol. Esa vila estaba considerada como a Gomorra da Idade Media. 

Esa sexualidade que quedou reflectida nos códices e representacións da época, tamén dase agora?

Se ti pos en calquera buscador "sexo no Camiño" seguro que te levas unha sorpresa. Non mudou moito con respecto ás épocas pasadas. Se hai cincocentos anos eran as posadeiras as que saían ao camiño como reclamo, agora son outros os métodos, pero a prostitución na Vía Xacobea, coma noutros ámbitos, existiu, existe e existirá sempre. n

Te puede interesar