MONTERREI

Cantos de taberna polas rúas de Verín para pór fin ás II xornadas de Nova Era

Verín, Centro Sociocomunitario, (17.08.2018). Concierto de la Banda de Gaitas Nova Era dentro de las Jornadas Culturales organizadas por los mismos.
photo_camera Un dos concertos de Nova Era, onte pola tarde.

Os grupos participantes nesta ocasión son Candaira, Brixel, Macizas Centrais e a Banda de Gaitas da organización

 

Onte e  hoxe día 18 de agosto a Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei, en colaboración co Concello de Verín, está a organizar as II Xornadas Culturais Nova Era. Tras o éxito da súa primeira edición, retómase esta iniciativa que pretende achegar a música tradicional galega a todos os públicos e dinamizar a vida social da vila durante o verán.

Onte programáronse unha serie de actividades destinadas tanto aos máis pequenos como aos máis maiores. Pola mañá, dende as 11,00 horas, no CEIP Amaro Refojo, os integrantes da Banda de Gaitas Nova Era organizaron o evento "Xogando coa Música", un conxunto de actividades infantís para as nenas e os nenos da Ludoteca do Concello. Pola tarde, a Banda de Gaitas Nova Era ofreceu dous concertos para os máis maiores. O primeiro tivo lugar na Residencia da Terceira Idade Santa María, ás 17,00 horas. A continuación, ofreceu outro concerto no Centro Sociocomunitario de Verín.

 O prato forte destas xornadas será hoxe sábado 18 de agosto coa celebración dos "II Cantos de Taberna Nova Era". A festa comezará  a partir das 20,00 na Praza García Barbón e arredores onde diversos grupos de música tradicional galega irán rotando coas súas actuacións polos locais colaboradores. Os grupos participantes nesta ocasión son a Agrupación Candaira, Brixel, Macizas Centrais e a Banda de Gaitas Nova Era. Recorrerán A Brasa, Ágora, A Merced, A Palleira, Bar Liló, Bar Plaza, Casa Nela, Gandainas, O Lure,  Candeas e Gallofa.

Te puede interesar