ENTROIDO

Os chocalleiros volverán saír o sábado 25 por Vilardevós

Encabezarán a comitiva de comparsas, carrozas e disfraces que irá dende o campo de fútbol ata o cruceiro da vila recorrendo as diferentes rúas da localidade

Un ano máis os chocalleiros de Vilardevós volverán ás rúas polo Entroido. Farano o vindeiro día 25 dende as catro da tarde e encabezando a comitiva de comparsas, carrozas e disfraces que dende o campo de fútbol e ata o cruceiro da vila recorrerá as rúas. 

A organización, encomendada como xa ven sendo habitual a asociación do mesmo nome e que está a propiciar a recuperación desta figura festiva de Vilardevós, ten prevista a saída da Rubia ás 18,00 horas e a lectura do testamento media hora más tarde. 

Ás sete será o turno dos cabezudos, o folión dos bombos, a queima dos fachóns e tamén a do meco. Concluirá a festa do Entroido no concello coa repartición de bolos preñados entre todos os asistentes aos festexos entroideiros. Ás nove, turno para o bruxo, que porá o fin da celebración na localidade. 

A nota musical correrá a cargo, como xa acontecera na edición do 2016, do Dúo Sabrosito.

O "chocalleiro" é unha personaxe que recorría a localidade, perseguía á xente que non ía disfrazada e a metía nunha taberna para que o convidara a un viño. A súa vestimenta estaba conformada por un pantalón e camisa de liño, polainas, pañoleta de lazos, unha careta cunha mitra pequena tapada, catro campaniñas e unha vara cun farrapo na súa punta co que batía na xente, ademáis de ensuciala.

Te puede interesar