O Claustro Mercedario acolle unha mostra das orixes da comarca

ALCALDE_result
photo_camera O alcalde Gerardo Seoane, o comisario da mostra Luis Congil e o historiador Rodríguez Colmenero, na presentación.

Nela explícase a vertebración territorial de Ourense e a verba "Támega"

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e o profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero, inauguraron onte unha nova peza do Museo Claustro Mercedario, adicada á explicación da verba "Támega", da súa orixe e do nacemento da actual comarca. Ante os alumnos da Ludoteca de Verín, Colmenero departiu unha pequena "clase maxistral" sobre o intenso proceso urbanístico desenvolto no século I da nosa era no interior da actual provincia de Ourense. 

A peza interpretativa do Padrón dos Pobos está aloxada e aberta ó público dende onte na sala de entrada do Museo Claustro Mercedario, recibindo alí ós visitantes. Durante a súa inauguración, o alcalde destacou a importancia da palabra "Támega" e "tamagani" para a identidade da nosa comarca, e como o Padrón dos Pobos era o "documento administrativo" que a inclúe por primeira vez. 

A instalación, que foi explicada polo profesor Colmenero, inclúe a réplica do Padrón dos Pobos -o seu  orixinal está custodiado polo Museo Arqueolóxico de Chaves- e se centra en divulgar o papel que a Lexión VII de Roma tivo no proceso urbanizador que impulsou Vespasiano no século I da nosa era, e de resultas do cal os lexionarios romanos construiron as vías ó pe das que naceron as vilas da provincia, coma Verín, Xinzo de Limia e mesmo Ourense.

Asimesmo, a instalación divulgativa inaugurada onte contén a explicación do misterio que envolve ó Padrón dos Pobos, xa que existen varias versións  -como descubriu un estudo do propio Colmenero- e non se sabe a ciencia certa cal puido ser o primeiro.

Todo apunta a que o orixinal se trata do instalado no ano 79 d. C. -o ano da erupción do volcán Vesubio- nas proximidades da vía do Támega, en Chaves, que enlazaría esta zona comercial con Verín, ata Ourense e Lugo, vertebrando todo o futuro territorio da provincia ourensana.

Este foi atopado no leito do río no ano 1980.

Te puede interesar